Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Bolsas FGE » Aberto o prazo de solicitude das bolsas de prácticas 2024 na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas

Aberto o prazo de solicitude das bolsas de prácticas 2024 na oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas

17/05/2024 |

— Este programa formativo ofrece a oportunidade de entrar en contacto cos asuntos europeos e as institucións comunitarias a través da realización de prácticas na oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa.

— Das catro bolsas ofertadas, dúas son de formación en asuntos comunitarios, outra de comunicación das políticas europeas, e unha última de apoio administrativo.

Santiago de Compostela, 17 de maio de 2024. Tras a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia de onte, a partir de hoxe está aberto o período de presentación de solicitudes para as catro bolsas de formación en asuntos europeos da Fundación Galicia Europa. A través deste programa de formación anual dirixido a titulados universitarios e técnicos superiores de formación profesional, a FGE potencia o coñecemento sobre a Unión Europea dende unha perspectiva galega.

O prazo para que os interesados presenten as súas candidaturas estará aberto ata o luns día 17 de xuño. As solicitudes deben presentarse a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta, que poderás atopar baixo o código PR770N.

O proceso de selección comezará cunha fase de valoración de méritos na que se terán en conta o expediente académico, as titulacións, os cursos e os idiomas, entre outros aspectos. As primeiras persoas clasificadas pasarán a unha segunda fase, consistente nunha entrevista persoal.

As catro persoas seleccionadas comezarán no vindeiro mes de setembro un período de prácticas de 11 meses na oficina de Bruxelas da FGE. O orzamento total das bolsas, de 71 024 euros, cobre as retribucións, a seguridade social, os gastos de desprazamento e un seguro de cobertura sanitaria.

Catro bolsas de formación en asuntos europeos

Tres das bolsas están dirixidas a persoas cun título universitario. De entre elas, dúas son de formación xeral en asuntos comunitarios e outra en comunicación das actividades da FGE, das políticas europeas e da participación galega nestas. Para esta última, son elixibles os titulados en Xornalismo, Comunicación Audiovisual ou Publicidade e Relacións Públicas.

A cuarta das bolsas ofertadas destínase a persoas con titulación técnica superior de Formación Profesional na familia de Administración e Xestión, para a realización de prácticas de secretariado e apoio administrativo.

Contexto

O programa de bolsas é unha iniciativa enmarcada no compromiso coa formación e a sensibilización sobre a Unión Europea en Galicia da FGE, unha das súas catro áreas de actuación. Dende o seu lanzamento hai máis de tres décadas, máis de 500 bolseiros puideron coñecer de cerca as institucións e políticas europeas, así como o impacto destas na nosa rexión.

Descarga aquí as bases da convocatoria publicadas no DOG. 

Máis información: Bolsas FGE

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data

Novas relacionadas

Non hai novas relacionadas