Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais »A Xunta debate coa Comisión Europea a importancia de traballar nas prioridades lexislativas da UE recollidas na Declaración Conxunta 2023-2024
— O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, deu a benvida aos participantes no primeiro encontro deste 2023 nunha nova edición do ciclo ‘FGE | NextGeneratiOn Galicia’
— Esta iniciativa da Fundación Galicia Europa acolleu desde a súa posta en marcha en setembro de 2020 a 250 funcionarios europeos e galegos nunha trintena de sesións
Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2023. O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, deulles a benvida ás persoas participantes no primeiro encontro virtual de 2023 no marco do ciclo FGE | NextGeneratiOn Galicia, organizado un ano máis pola Fundación Galicia Europa.
A reunión congregou funcionarios do sector público autonómico con representantes da Comisión Europea para abordar a importancia da Declaración Conxunta 2023-2024, que recolle as principais propostas lexislativas que estudan o Parlamento Europeo, o Consello da Unión Europea e a Comisión Europea. Inclúe dar prioridade ás iniciativas destinadas a cumprir á transición verde e dixital e impulsar unha Europa forte e cohesionada. A sesión foi impartida por Sonia Vila, xefa de unidade responsable de IDEA, o centro de asesoramento da presidenta da Comisión Europea.
Diego Calvo sinalou que Galicia xa está a traballar nun documento que recolla as prioridades de Galicia de cara á presidencia rotatoria de España do Consello da Unión Europea no segundo semestre de 2023.
Pola súa parte, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, explicou a continuación o plan anual de actuacións da FGE, no que se reflexan aqueles temas que, por ser prioritarios en Galicia, deberían contar coas nosas aportacións durante o debate europeo.
Galicia xa está a traballar nun documento que recolla as prioridades de Galicia de cara á presidencia rotatoria de España do Consello no segundo semestre de 2023
Encontros virtuais entre a Comisión Europea e a Xunta
O ciclo de encontros FGE | NextGeneratiOn Galicia reúne mensualmente a Xunta de Galicia con representantes das institucións europeas para abordar de forma conxunta as políticas públicas impulsadas desde a UE. O ciclo está organizado pola oficina de representación da Xunta en Bruxelas, a Fundación Galicia Europa, dende setembro do 2020.
O ciclo de encontros virtuais tratou desde a súa posta en marcha temas de relevancia para Galicia, como a as transicións verde e dixital, o marco normativo de axudas estatais, o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, a política de cohesión ou a crise enerxética. Celebráronse nos últimos anos unha trintena de sesións nas que participaron 250 responsables políticos e técnicos dos departamentos da Xunta de Galicia e da Comisión Europea.
Máis información: Xunta de Galicia