Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Axenda Dixital »A EU KIDS ACT limitará o acceso dos menores ás redes sociais na UE
— A Comisión Europea propón prohibir o acceso ás redes sociais antes dos 13 anos e fixar nos 15 anos a idade mínima para crear unha conta propia
Bruxelas, 17 de setembro de 2026. A Comisión Europea vén de propor a EU KIDS ACT, a Lei da UE relativa a unhas contornas dixitais en liña fiables e responsables, co obxectivo de mellorar a seguridade das persoas menores en internet en toda a Unión.
A proposta prohibe que as plataformas de redes sociais permitan o acceso a menores de 13 anos e establece unha idade mínima común de 15 anos para que poidan abrir unha conta propia. A EU KIDS ACT tamén inverte a carga da proba, polo que serán os provedores dos servizos os que deberán demostrar que estes están adaptados á idade das persoas usuarias e que son seguros desde o seu deseño.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, declarou:
«Na actualidade, os nosos menores interactúan coas tecnoloxías máis sofisticadas xamais creadas, unhas tecnoloxías que nunca foron concibidas pensando no seu benestar. A nosa EU KIDS ACT inverte a carga da proba: corresponde ás plataformas demostrar que son seguras desde o seu deseño. Ademais, devolvemos o control ás familias, proporcionándolles as ferramentas necesarias para axudar os seus fillos e fillas a navegar por unha contorna dixital máis segura».
A proposta estrutúrase arredor de catro piares.
1. Adiar o acceso ás redes sociais
A EU KIDS ACT propón que as persoas menores só poidan crear contas propias nos servizos de redes sociais a partir dos 15 anos.
Para as persoas de entre 13 e 15 anos, a proposta prevé un sistema de control parental. Os seus titores poderán crear «minicontas», vinculadas ás súas propias contas, que permitirán acceder a redes sociais e plataformas de intercambio de vídeos adaptadas á idade.
Estas minicontas deberán incorporar medidas de protección, como un número limitado de contactos e un tempo máximo de pantalla dunha hora ao día. O obxectivo é recoñecer o papel das familias e das persoas titoras no desenvolvemento autónomo e seguro dos menores en internet.
As persoas de entre 3 e 13 anos non poderán acceder ás redes sociais, aínda que si a servizos de intercambio de vídeos especialmente deseñados para elas mediante contas xestionadas polos seus titores. As plataformas deberán ofrecer unha ferramenta sinxela para restrinxir o uso do dispositivo da persoa adulta a estes servizos e limitar a exposición a un máximo dunha hora diaria.
2. Seguridade desde o deseño
A EU KIDS ACT establece obrigas para os servizos en liña que ofrezan redes sociais, intercambio de vídeos, videoxogos, asistentes de intelixencia artificial ou chatbots a persoas menores de 18 anos.
Entre as medidas propostas atópanse a prohibición das funcionalidades adictivas e das recomendacións baseadas en perfís que poidan atrapar os menores en espirais de contidos nocivos. Tamén se prohibirán o desprazamento infinito sen puntos de parada, as estratexias de recompensa, as notificacións automáticas durante as horas de sono e o contacto por parte de persoas descoñecidas.
Os asistentes de intelixencia artificial e os chatbots deberán estar desactivados por defecto e non poderán simular relacións persoais que xeren dependencia emocional.
Os perfís das persoas menores serán privados por defecto e terán desactivado o acceso á xeolocalización, á cámara e ao micrófono. Os servizos tamén deberán ofrecer mecanismos sinxelos para bloquear e silenciar outras persoas usuarias, ferramentas eficaces de xestión do tempo e sistemas de recomendación seguros que poidan controlarse, axustarse e restablecerse.
3. Verificación da idade respectuosa coa privacidade
Os servizos en liña e as tendas de aplicacións deberán empregar ferramentas de verificación da idade. Poderán utilizar, por exemplo, a aplicación europea de verificación da idade, que non almacena documentos de identidade nin datos biométricos e cumpre garantías estritas de protección da privacidade.
Os provedores de redes sociais e plataformas de intercambio de vídeos deberán verificar a idade cando unha persoa abra unha conta nova.
No caso das contas xa existentes, terán que estimar a idade da persoa usuaria a partir de indicadores razoables, como a data de creación da conta ou os datos da tarxeta de crédito.
4. Aplicación efectiva
A proposta responsabiliza as plataformas en liña de moi gran tamaño de demostrar que os seus servizos son seguros desde o seu deseño.
Estas plataformas estarán obrigadas a presentar un plan de cumprimento á Comisión Europea e a unha entidade auditora independente, que avaliará de maneira exhaustiva cada novo servizo, característica ou funcionalidade. A Comisión poderá solicitar medidas correctoras cando detecte deficiencias no plan.
O sistema de aplicación apoiarase nas estruturas existentes do Regulamento de Servizos Dixitais e do Regulamento de Intelixencia Artificial. A proposta tamén introduce procedementos acelerados ante posibles incumprimentos, nos que a Comisión deberá concluír as investigacións nun prazo de 90 días.
Próximos pasos
A proposta lexislativa foi remitida ao Parlamento Europeo e ao Consello para iniciar o proceso de exame e adopción.
A iniciativa baséase no informe e nas recomendacións do Grupo Especial sobre Seguridade Infantil en Liña, convocado por Ursula von der Leyen para reunir opinións expertas sobre o marco europeo de protección das persoas menores en internet.
O grupo, composto por máis de 60 especialistas, incluíu representantes da sociedade civil, persoas mozas, familias, persoal educativo, profesionais da psiquiatría infantil e da saúde pública, especialistas en neuroloxía e persoas expertas en tecnoloxía.
A proposta responde tamén á crecente demanda social dunha maior protección da infancia e da mocidade na contorna dixital. Segundo o Eurobarómetro especial sobre a Década Dixital 2026, o 92 % da poboación europea considera prioritario reforzar esta protección fronte ao ciberacoso, os contidos nocivos, o deseño adictivo e outros riscos.
Máis información: Comisión Europea
© Pexels | Viralyft