Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE »EmigraSON presenta na Fundación Galicia Europa a súa quinta edición
— O Festival EmigraSON, apoiado pola Xunta de Galicia, celebrarase os días 5 e 6 de marzo de 2027 nas salas La Tricoterie e La Madeleine de Bruxelas
— Carlangas, 9Louro, Mondra, De Ninghures, Tapa D’Orella, Rager, Dani Cornes e a Asociación Cultural Galega A Roda conforman o cartel desta edición
Bruxelas, 19 de novembro de 2026. A Fundación Galicia Europa acolleu na súa sede de Bruxelas a presentación da quinta edición do Festival EmigraSON, que se celebrará os días 5 e 6 de marzo de 2027. Durante o acto, a FGE renovou a súa colaboración con esta cita apoiada pola Xunta de Galicia, que se consolidou como unha iniciativa de referencia para a promoción da música galega contemporánea no exterior.
Impulsado desde 2023 por un grupo de mozos e mozas de orixe galega residentes en Bélxica, EmigraSON foi medrando ata converterse nunha iniciativa de referencia para a promoción da música galega contemporánea no exterior. Na súa cuarta edición, celebrada en marzo de 2026, reuniu preto de 2.000 persoas nas salas La Madeleine e La Tricoterie.
Dúas xornadas de música galega en Bruxelas
A programación comezará o venres 5 de marzo na sala La Tricoterie, coas actuacións de Tapa D’Orella, Rager e Dani Cornes, ademais dunha foliada organizada pola Asociación Cultural Galega A Roda.
O sábado 6 de marzo, o festival trasladarase á sala La Madeleine, onde subirán ao escenario Carlangas, 9Louro, Mondra e De Ninghures.
![]()
Música urbana, tradición, pop, electrónica e foliada conforman un cartel que atravesa estilos e fronteiras, pero que comparte unha mesma vontade: xuntar a comunidade galega arredor da súa música e achegar a creación contemporánea do país a novos públicos.
As entradas sairán á venda o vindeiro luns 23 de novembro.
Apoio da Fundación Galicia Europa
A directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos Barbosa, participou no acto de presentación xunto cos responsables do festival e representantes das entidades patrocinadoras e colaboradoras.
![]()
O encontro contou tamén coa presenza dos eurodeputados galegos Nicolás González Casares e Francisco Millán Mon, así como doutros representantes institucionais.
EmigraSON busca ofrecer un espazo de intercambio cultural á comunidade galega residente no exterior, visibilizar a realidade da emigración e dar a coñecer internacionalmente o talento musical e cultural de Galicia.
Máis información: EmigraSON
© Fundación Galicia Europa