Actualidade
Boletín nº 71 | Galicia reforza en Bruxelas a defensa da pesca e dos fondos europeos
A presentación pola Comisión Europea da Visión 2040 para a pesca e a acuicultura centrou boa parte do debate europeo en outubro. Galicia participou activamente nel cunha delegación da CRPM encabezada pola conselleira do Mar, Marta Villaverde, que trasladou á Comisión as prioridades das rexións pesqueiras para garantir un futuro competitivo, sostible e con relevo xeracional para o sector.
Bruxelas acolleu tamén a Semana Europea das Rexións e das Cidades, na que Galicia volveu defender o papel dos territorios na construción europea. Tres actos contaron coa exposición de experiencias galegas en materia de cooperación transfronteiriza, xestión da auga e dixitalización, mentres o presidente da Xunta de Galicia chamou a reducir a burocracia para as pemes da industria da defensa.
Este mes coñecemos tamén o Proxecto Europeo do Ano en Galicia. Durante a cerimonia dos Premios #EuropaXunta 2026, celebrada en Santiago de Compostela, recoñecéronse seis proxectos en cinco categorías e Polybrisrecibiu o principal galardón desta edición.
Ademais, celebramos en Bruxelas a segunda edición de Galicia Calidade. Diálogos en Bruxelas, encabezada polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e protagonizada nesta ocasión por Ignacio Rivera, presidente executivo da Corporación Hijos de Rivera.
Como é habitual, incluímos tamén unha selección de consultas públicas nas que a cidadanía e as entidades galegas aínda poden participar.
Boa lectura!