Boletín CdR (pleno 157) | Resultados do pleno do Comité das Rexións

19/10/2023 |

O último pleno do Comité Europeo das Rexións (CdR) tivo lugar entre os días 9 e 11 de outubro en Bruxelas, coa participación, por parte de Galicia, do director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo. O tema central desta sesión foi a presentación do Informe 2023 sobre o Estado das Rexións e Cidades Europeas, unhna instantánea dos retos máis acuciantes que estas afrontan en toda a UE, así como das solucións que achegan sobre o terreo con vistas a influír no proceso decisorio comunitario.

Os máis de 300 representantes locais e rexionais aprobaron dez ditames e tres resolucións políticas, ademais de participar en catro debates con altos cargos da UE. Neste boletín resumimos o máis destacado dende o punto de vista galego.

Este terceiro pleno do ano coincidiu, ademais, coa Semana Europea das Rexións e Cidades 2023, o maior evento europeo dedicado ás políticas públicas desenvolvidas polos gobernos a escala rexional, provincial e municipal. 7.000 asistentes participaron en máis de 300 obradoiros e charlas. Galicia estivo representada en seis citas diferentes, dúas delas organizadas pola Fundación Galicia Europa.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo participa no pleno do Comité das Rexións