Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » I+D+i » Galicia apoia en Bruxelas a nova estratexia europea para os drons

Galicia apoia en Bruxelas a nova estratexia europea para os drons

11/10/2023 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na última sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións, celebrada no marco da Semana Europea das Rexións e das Cidades.

— Entre as cuestións debatidas estivo o ditame relativo ao desenvolvemento dunha nova estratexia europea para os drons que permita aos entes rexionais participar no proceso lexislativo

Bruxelas, 11 de outubro de 2023. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na 157ª sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións (CdR) que se celebrou esta semana en Bruxelas, no marco da Semana Europea das Rexións e das Cidades (#EURegionsWeek).

Unha das cuestións abordadas de maior interese para Galicia foi o ditame relativo ao desenvolvemento dunha estratexia europea para os drons.

Aprobado na sesión plenaria, o texto destaca a necesidade de perfeccionar o proceso lexislativo referido ao U-space, o ecosistema que está a despregar a UE para regular o tráfico seguro de vehículos non tripulados e a súa convivencia con aeronaves tripuladas.

O ditame tamén destaca o papel que deberían ter os entes rexionais e locais na elaboración deste marco regulatorio.

A este respecto, Jesús Gamallo salientou a importancia de que se produza “unha maior colaboración a nivel europeo, nacional e rexional na construción de ferramentas U-Space e que os entes rexionais teñan acceso a esta tecnoloxía”.

A través do Polo Aeroespacial de Galicia, creado en 2015 e no que están implicados xa máis de 100 empresas e centros especializados en sistemas non tripulados, a comunidade desenvolve tecnoloxías de vangarda que serán clave para avanzar no marco regulatorio dos drons.

Gamallo salientou a importancia de que se produza “unha maior colaboración a nivel europeo, nacional e rexional na construción de ferramentas U-Space e que os entes rexionais teñan acceso a esta tecnoloxía”

Nese sentido, o director xeral congratulouse do importante rol que Galicia pode ter neste proceso. “Estamos encantados de achegar ao marco europeo a experiencia e as capacidades adquiridas polo ecosistema galego para favorecer unha aceleración tecnolóxica e regulatoria global que incremente as perspectivas económicas da industria europea dos drons”, sinalou.

A posición de Galicia estivo representada tamén a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), que presentou tres emendas no encontro da comisión de Política de Cohesión Territorial e Orzamento da UE (COTER) do CdR que tivo lugar o pasado mes de xuño e que foron aceptadas e incorporadas ao ditame aprobado nesta sesión plenaria.

Así mesmo, este último pleno do Comité albergou o debate sobre o estado das rexións e das cidades, que puxo de relevo os esforzos destes entes territoriais europeos para materializar as transicións verde e dixital e aplicar as decisións e recomendacións da Comisión Europea.

Ademais do mencionado, aprobáronse tamén ditames relativos á reforma do marco de gobernanza económica da Unión Europea, á protección dos consumidores e á transición da industria da automoción, entre outros.

Galicia na Semana Europea das Rexións e das Cidades

A sesión plenaria do Comité Europeo das Rexións coincidiu coa Semana Europea das Rexións e das Cidades, celebrada en Bruxelas. Trátase do maior evento anual dedicado á política europea de cohesión, no que Galicia participa desde as súas orixes no ano 2003.

Na presente edición, o noso territorio estivo representado en diversas citas, dúas delas organizadas pola Fundación Galicia Europa e relacionadas co papel das rexións no desenvolvemento da intelixencia artificial e co futuro da industria galega no marco das transicións verde e dixital. Por outra parte, organizado neste caso polo Pacto dos Alcaldes, celebrouse un obradoiro no que participou como relatora Sagrario Pérez Castellanos, a directora xeral de Cambio Climático da Xunta.

Comité Europeo das Rexións

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. A sesión plenaria do CdR reúnese seis veces ao ano. En representación de Galicia, o membro titular é o propio presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data