Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Educación e Cultura »
Galicia reivindica en Bruxelas o importante papel do Xacobeo 21-22 na construción da identidade europea
- O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia no 145º pleno do Comité Europeo das Rexións
- Galicia mostra o seu respaldo ao autobús como transporte colectivo enerxeticamente eficiente e pide unha maior implicación local e rexional nas cuestións climática e enerxética, así como no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
- A comunidade galega aposta polo enfoque de xénero á hora de establecer as medidas e os mecanismos de seguimento das empresas da economía social
Bruxelas, 1 de xuño de 2021. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, representou a Galicia no 145º pleno do Comité Europeo das Rexións que rematou hoxe e tivo ocasión de debater co vicepresidente da Comisión para a Promoción do Modo de Vida Europeo, Margaritis Schinas, sobre A promoción dos valores europeos a través da cultura e da educación. Neste ámbito, o director xeral reivindicou o papel do Xacobeo 21-22 e do Camiño de Santiago como elementos fundamentais para a transmisión dos valores culturais europeos e para a construción da identidade europea actual.
Ao longo das dúas xornadas que compuxeron o pleno, presentáronse varios ditames en clave de transición climática e enerxética para a súa aprobación, como os ditames “Estratexia de mobilidade sostible e intelixente, Cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de aquí ao 2030” e “Intensificar a ambición climática de Europa para o 2030: camiño á COP26”.
Das 22 emendas presentadas por Galicia, varias trataban estas cuestións ao solicitar que as rexións poidan xestionar os fondos europeos en materia de mobilidade sostible ou ao mostrar o seu respaldo ao autobús como medio de transporte colectivo enerxeticamente eficiente e sostible. Por outra banda, Galicia logrou incluír unha mención ao incentivo que supoñería a implantación de certificacións de absorcións de carbono para que os agricultores ou xestores forestais particulares almacenen máis carbono nas súas terras e bosques e, contribúan deste xeito, a compensar as emisións derivadas da agricultura.
Ademais, en relación co ditame Plan de acción para a economía social, Galicia avogou pola necesidade de ter en conta a perspectiva de xénero nas medidas propostas, nos mecanismos de seguimento previstos, nas posibilidades de acceso ao financiamento e na garantía dunha composición equilibrada por razón de xénero nos órganos de goberno das empresas dedicadas a esta materia.
Outros debates que tiveron lugar neste primeiro pleno, en formato semipresencial dende que comezou a pandemia, contaron coa participación de varios membros da Comisión Europea, como o debate sobre o programa de traballo da Comisión para 2022 co vicepresidente responsable de Relacións Interinstitucionais e Prospectiva, Maroš Šefčovič; ou o debate sobre o Plan de acción para a democracia europea coa vicepresidenta responsable de Valores y Transparencia, Věra Jourová.
O Comité Europeo das Rexións
O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. En representación da Comunidade Autónoma de Galicia, o membro titular é o presidente da Xunta de Galicia, mentres que o cargo de membro suplente recae no director xeral de Relacións Exteriores e coa UE. A Fundación Galicia Europa presta apoio á participación galega nesta asemblea.