Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Cidadanía europea » Galicia apoia en Bruxelas a visión rexional da Estratexia de Seguridade Europea

Galicia apoia en Bruxelas a visión rexional da Estratexia de Seguridade Europea

01/10/2025 |

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité Europeo das Rexións onde apoiou un ditame sobre seguridade

— Galicia representará o Comité Europeo das Rexión no Centro Norte-Sur do Consello de Europa

Bruxelas, 1 de outubro de 2025. O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou este xoves nunha nova sesión da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (Civex) do Comité Europeo das Rexións (CdR). Na sesión aprobáronse dous ditames, un deles sobre a Estratexia Europea de Seguridade Interior ProtectEU e outro sobre a iniciativa Global Gateway da UE.

O ditame aprobado sobre seguridade avoga por incorporar a experiencia rexional e local a este eido, ao mesmo tempo que promove un enfoque común europeo. Para o director xeral, este ditame é especialmente importante dado o contexto de seguridade cambiante e o panorama xeopolítico en evolución. Segundo Jesús Gamallo é indispensable que a estratexia de seguridade da UE “teña en conta os coñecementos e as achegas dos niveis rexional e local para fomentar un enfoque europeo común en materia de seguridade interior”.

Ademais, o ditame vai en consonancia coa coordinación en materia de seguridade  por parte da Xunta a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e da Unidade Nacional de Policía Adscrita de Galicia (UPA), con apoio formativo desde a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). En ciberseguridade, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) lidera proxectos como o CSIRT.gal e CIBER.gal dentro da Estratexia Galicia Dixital 2030, que prevé a creación dun Centro de Excelencia en Ourense.

O segundo ditame aprobado, sobre a iniciativa Global Gateway da UE, está relacionado coa acción exterior da UE xa que corresponde á estratexia de investimentos da UE no mundo. Neste caso busca aumentar a participación dos entes locais e rexionais.

Participación no Centro Norte-Sur

Nesta reunión, Jesús Gamallo foi nomeado membro substituto do Centro Norte-Sur en representación do CdR. Este foro, alleo á Unión Europea, reúne a varios países de Europa, Oriente Medio e África co obxectivo de trasladar os valores europeos máis alá do continente europeo.

Contexto

No actual mandato 2025-2030 do Comité Europeo das Rexións, Galicia participa na comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) e na comisión de Política Económica (ECON). Esta última elabora ditames sobre economía, industria ou competencia, canalizando así a voz das rexións e municipios europeos en relación á política económica, industrial e comercial comunitaria.

Máis información: Xunta de Galicia

© European Union / David Martín Díaz

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data