Actualidade

Portada » Actualidad » Noticias » Unión Europea » Bruxelas presenta a súa Visión 2040 para a pesca e a acuicultura

Bruxelas presenta a súa Visión 2040 para a pesca e a acuicultura

20/10/2026 | ,

— A estratexia aposta pola transición enerxética, a modernización da frota, o impulso da acuicultura e o relevo xeracional para garantir a viabilidade do sector

Bruxelas, 20 de outubro de 2026. A Comisión Europea presentou a súa Visión para a pesca e a acuicultura ata 2040, coa que marca o rumbo dos próximos quince anos para reforzar a viabilidade ambiental e económica do sector.

Baixo o título «Visión 2040 para a pesca e a acuicultura», a estratexia busca protexer os medios de vida das comunidades que dependen deste sector. No conxunto da UE, a pesca e a acuicultura dan emprego a máis de 200.000 persoas: arredor de 124.500 na pesca e unhas 76.000 na acuicultura, ás que se suman as que traballan na transformación, a venda por xunto, a distribución e a venda polo miúdo.

A estratexia abrangue toda a cadea de valor e pretende ofrecer ás empresas a previsibilidade necesaria para investir e medrar, ao tempo que protexe os recursos acuáticos e os ecosistemas dos que dependen.

Entre as súas prioridades figuran a protección dos ecosistemas, a transición enerxética, a seguridade das cadeas de subministración, o impulso da demanda de alimentos acuáticos producidos na UE, o apoio aos produtores, o acceso ao financiamento e o reforzo da cooperación internacional.

Ecosistemas sans para un sector sólido

A Visión recoñece que unha pesca e unha acuicultura competitivas e resilientes dependen da boa saúde dos recursos e dos ecosistemas acuáticos.

Tamén sinala que a obriga de desembarque, pola que os pescadores deben levar a porto todas as capturas de especies reguladas, non deu os resultados esperados no seguimento das capturas non desexadas, principalmente pola forma en que foi aplicada.

Para abordar esta situación, a Comisión analizará o potencial da innovación tecnolóxica e das pesqueiras plenamente documentadas. Para iso, manterá a finais deste ano un diálogo específico coas partes interesadas.

Este enfoque podería axudar os pescadores, a comunidade científica e as autoridades a coñecer mellor cando e onde se producen as capturas non desexadas e a deseñar medidas máis eficaces e prácticas para evitalas.

Apoio á transición enerxética

Ata 2030, a Visión centrarase na mellora da eficiencia enerxética e no uso dos recursos, no desenvolvemento de novas tecnoloxías e competencias e na utilización dos combustibles limpos dispoñibles.

A partir de 2030, as iniciativas orientaranse á expansión das tecnoloxías de baixas ou cero emisións, apoiadas polo financiamento, as infraestruturas e a modernización da frota.

Para favorecer esta modernización, afrontar as necesidades da transición enerxética e mellorar a seguridade e as condicións laborais a bordo, a Comisión estudará como diferenciar mellor a capacidade pesqueira efectiva da capacidade destinada a fins sociais ou ambientais.

Tamén actualizará as súas directrices de 2014 para analizar o equilibrio entre a capacidade pesqueira e as posibilidades de pesca.

Garantir a subministración de alimentos acuáticos

A Visión inclúe medidas para reforzar a viabilidade económica e a resiliencia da pesca e da acuicultura europeas.

No sector pesqueiro, prevé apoiar os investimentos en buques máis eficientes e seguros, a innovación, a diversificación das fontes de ingresos e actividades como o turismo pesqueiro.

No ámbito da acuicultura, a Comisión preparará un instrumento lexislativo e colaborará cos Estados membros para establecer un marco regulador máis coherente, que proporcione maior seguridade ás empresas e fomente o investimento.

Impulsar o consumo dos produtos da UE

A estratexia tamén pretende aumentar a demanda de alimentos acuáticos producidos na Unión Europea, favorecer a diversificación e axudar os consumidores a tomar decisións informadas.

A Comisión impulsará a trazabilidade dixital de todos os produtos ao longo da cadea de subministración antes de 2029. Con esta medida busca reforzar a transparencia, a confianza e o valor de mercado, ademais de adaptar os patróns de consumo aos obxectivos europeos en materia de nutrición e seguridade alimentaria.

Financiamento, innovación e relevo xeracional

Para facer realidade a Visión 2040, a Comisión porá en marcha iniciativas destinadas a:

  • Mellorar o acceso ao financiamento, incluída a proposta de reservar unha asignación mínima de 2.000 millóns de euros para as funcións esenciais da política pesqueira común no orzamento da UE para 2028-2034.

  • Apoiar a pesca e a acuicultura sostibles e a restauración dos ecosistemas mariños mediante os futuros plans de colaboración nacionais e rexionais, o Fondo Europeo de Competitividade e a mobilización de investimento privado.

  • Apoiar a pesca artesanal, especialmente a través da futura Lei do Océano.

  • Reforzar a investigación e a innovación, ampliando o seguimento en tempo real e o uso da intelixencia artificial para anticipar a dispoñibilidade das poboacións de peixes.

  • Introducir normas harmonizadas de formación e certificación en toda a Unión Europea.

  • Elaborar unha Estratexia para o Relevo Xeracional Azul, que se presentará o próximo ano para atraer a mocidade ao sector.

Promover unha pesca sostible no ámbito internacional

A Visión incorpora tamén unha estratexia europea para a acción exterior en materia de pesca.

Aproveitando as asociacións internacionais da UE e a dimensión do mercado único, promoverá unha pesca sostible no ámbito mundial e unha subministración de alimentos acuáticos máis diversificada e resiliente.

Para iso, reforzarase a loita contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, impulsaranse normas internacionais máis esixentes e desenvolverase unha nova xeración de acordos de colaboración para unha pesca sostible.

A Comisión comprométese igualmente a defender unhas condicións de competencia equitativas e a protexer a cadea de valor pesqueira europea fronte á competencia mundial desleal.

Os Estados membros e as autoridades nacionais e rexionais están agora chamados a trasladar esta Visión a medidas adaptadas ás diferentes realidades territoriais.

Contexto

A Visión 2040 para a pesca e a acuicultura é un dos resultados concretos do Pacto Europeo polo Océano, presentado en xuño de 2025.

Inclúe dúas iniciativas principais:

  • A folla de ruta para a transición enerxética da pesca e da acuicultura.

  • A Estratexia da UE para a acción exterior en materia de pesca.

A Visión foi elaborada mediante un amplo proceso participativo no que interviñeron pescadores, produtores acuícolas, representantes da industria transformadora, Estados membros, organizacións non gobernamentais, consellos consultivos, persoas mozas e cidadanía.

Máis información:Comisión Europea

Visión 2040 para a pesca e a acuicultura 

Transición enerxética

Dimensión exterior da pesca

Ficha informativa Visión 2040 para a pesca e a acuicultura

Preguntas e respostas

Sitio web (DG MARE)

© European Union, 2019

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Fecha