Actualidade

Portada » Sin categorizar » Un novo marco europeo reforzará a preparación fronte aos riscos climáticos

Un novo marco europeo reforzará a preparación fronte aos riscos climáticos

27/10/2026 |

— A iniciativa integra a resiliencia climática nas políticas europeas, establece unha referencia común sobre o quecemento futuro e prevé ferramentas e investimentos para protexer territorios, empresas e infraestruturas

Bruxelas, 27 de outubro de 2026. A Comisión Europea presentou un Marco de Resiliencia Climática da UE destinado a reforzar a capacidade de Europa para anticipar, afrontar e xestionar os riscos derivados do cambio climático.

Durante este verán, as prolongadas ondas de calor e as secas favoreceron perigosos incendios forestais e provocaron que algúns dos maiores ríos de Europa alcanzasen niveis de auga historicamente baixos. Nos últimos anos tamén se produciron inundacións devastadoras.

Estes fenómenos puxeron de manifesto as graves consecuencias que o cambio climático pode ter para a cidadanía, as empresas e as infraestruturas.

O 75 % da poboación europea vive en cidades e zonas urbanas, onde xa se perciben directamente os efectos do cambio climático. Por este motivo, reforzar a resiliencia climática constitúe un investimento estratéxico na competitividade, a seguridade, a saúde e a prosperidade de Europa.

Os argumentos económicos para actuar son claros. As perdas estimadas polos danos climáticos entre 2022 e 2025 ascenderon a aproximadamente 200.000 millóns de euros, o equivalente a uns 50.000 millóns anuais.

A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, declarou: «Europa está a quentar ao dobre do ritmo mundial. Para sermos verdadeiramente resilientes fronte ao clima, temos que adaptarnos e aprender durante o proceso. Hoxe presentamos un enfoque europeo dos riscos climáticos: anticipar, prepararse e xestionar. Estamos a garantir que a resiliencia climática se integre nas políticas de todo o continente, apoiando o investimento, a innovación e o crecemento a longo prazo».

A Comunicación marco propón un cambio sistémico mediante a integración da resiliencia climática nos principais ámbitos políticos, tanto nacionais como internacionais.

Tamén apoia as entidades locais e rexionais nos seus procesos de adaptación a través de proxectos piloto e servizos de asesoramento.

O documento destaca igualmente o papel fundamental das empresas para ampliar a industria europea da resiliencia climática.

Estímase que adaptar as infraestruturas e a economía de Europa ás condicións climáticas futuras requirirá un investimento próximo aos 70.000 millóns de euros anuais. Con todo, o rendemento dos investimentos en adaptación podería superar dez veces o seu valor en perdas e danos evitados.

Prevese que o mercado mundial das solucións de adaptación ao cambio climático se cuadruplique ata alcanzar os 3,5 billóns de euros en 2050. Isto representa unha importante oportunidade para que as empresas europeas innoven, prosperen e se convertan en líderes tecnolóxicas no desenvolvemento de solucións de resiliencia climática.

Unha referencia común sobre o quecemento global

A proposta de Lei Europea de Resiliencia Climática establece unha traxectoria común de referencia para o quecemento global.

As evidencias científicas actuais indican que o mundo se dirixe cara a un aumento da temperatura de 1,5 °C respecto dos niveis preindustriais en 2030, de 2 °C en 2050 e de 3 °C en 2100.

Esta traxectoria ofrece unha hipótese de referencia compartida para que os Estados membros poidan avaliar os riscos climáticos futuros ao adoptar as súas decisións.

A Lei Europea de Resiliencia Climática tamén busca aumentar a eficiencia e reducir a carga administrativa dos Estados membros.

As obrigas e os instrumentos nacionais de planificación simplificaríanse mediante a introdución dun único plan estratéxico nacional. Ademais, unhas avaliacións do risco climático melloradas e máis frecuentes garantirían unha maior coherencia e comparabilidade entre as análises nacionais e europeas.

Novas ferramentas para anticipar os riscos climáticos

O Marco ofrece ás autoridades públicas, ás empresas e ás comunidades ferramentas prácticas para afrontar os riscos climáticos.

A plataforma europea en liña sobre resiliencia climática incorporará varias ferramentas novas:

  • O Visor Climático Europeo, desenvolvido polo Centro Europeo de Previsións Meteorolóxicas a Medio Prazo, ofrecerá un mapa interactivo dos perigos climáticos previstos en todo o continente. A través da iniciativa Destination Earth, evolucionará para integrar capacidades de supercomputación.

  • O Navegador de Ferramentas de Resiliencia Climática, desenvolvido pola Axencia Europea de Medio Ambiente, axudará as persoas usuarias a localizar os instrumentos máis adecuados en función da súa localización, do seu sector e dos riscos específicos aos que se enfrontan.

  • O Explorador de Solucións presentará medidas prácticas de adaptación desenvolvidas e probadas a través da Misión da UE sobre Adaptación ao Cambio Climático.

Próximas etapas

A Comisión comezará inmediatamente a aplicar o Marco.

Tal e como anunciou a presidenta Von der Leyen no seu discurso sobre o estado da Unión, tamén continuará reforzando a capacidade de Europa para prepararse e responder aos fenómenos climáticos extremos mediante:

  • un Plan Europeo fronte ás Ondas de Calor;
  • unha Alianza de Seguros Climáticos;
  • unha iniciativa europea sobre a auga;
  • un grupo consultivo de PreparEU sobre preparación ante catástrofes;
  • unha iniciativa para identificar os cen territorios europeos máis vulnerables ao cambio climático.

Estas actuacións están a ser desenvolvidas pola Comisión e presentaranse por separado.

A Comisión tamén propón presentar en 2028 un plan estratéxico da UE sobre resiliencia climática para garantir unha actuación temperá e decidida a escala europea.

Máis información: Comisión Europea

© European Union, United Nations Office for Project Services, 2023

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Fecha