Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » “Xuventude Embaixadora Dixital”, o novo proxecto ERASMUS+ da Fundación Galicia Europa

“Xuventude Embaixadora Dixital”, o novo proxecto ERASMUS+ da Fundación Galicia Europa

12/05/2022 |

— O proxecto ten como obxectivo abordar a transformación dixital a través do desenvolvemento de competencias e formación nesta materia e da creación de sinerxías entre a xuventude e as PEMES

— O proxecto ten como socios á Eurocidade Chaves-Verín (AECT) e á Asociación para o Desenvolvemento da Rexión do Alto Támega (ADRAT)

 

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2022. A Fundación Galicia Europa vén de ser adxudicataria dun proxecto ERASMUS+ no eido da Xuventude e a transformación dixital, baixo o título: Xóvenes Embaixadores Dixitais das PEMES (Digital Youth Ambassadors for SMEs). O principal obxectivo deste proxecto é abordar a transformación dixital a través do desenvolvemento de competencias dixitais e formación nesta materia.

Na primeira fase do proxecto, a mocidade da Eurocidade Chaves-Verín participará nun programa de formación en marketing, comunicación e dixitalización. Posteriormente, partillaranse coñecementos e habilidades dixitais coas persoas emprendedoras da rexión. O obxectivo é converter á mocidade en Embaixadora Dixital das PEMES, a través da creación de contidos dixitais para que as persoas emprendedoras poidan desenvolver o seu negocio desde unha perspectiva dixital (redes sociais, marketing, etc).

Ademais de aumentar as oportunidades de emprego nas zonas rurais, tamén se pretende mellorar a eficiencia empresarial e a competitividade das pequenas empresas, debido á súa evolución en termos de dixitalización e habilidades nos mercados dixitais.

Esta interacción propiciará o intercambio entre xóvenes e empresas, así como a posibilidade de creación de novos negocios e oportunidades para a mocidade implicada.

A aprobación deste proxecto coincide co Ano Europeo da Xuventude, que destaca a importancia da xuventude europea na construción dun futuro mellor. Europa entende que a xuventude é un importante axente de cambio e que desempeña un rol esencial na construción de sociedades inclusivas e democráticas. A formación, a educación e a mobilidade son algúns dos piares que a UE considera fundamentais en relación coa xuventude.

O proxecto ten como socios á Eurocidade Chaves-Verín e á Asociación para o Desenvolvemento da Rexión do Alto Támega (ADRAT).

Contexto

ERASMUS+ é o programa da Comisión Europea para a Educación, Formación, Xuventude e Deporte (2021-2027) e destaca a inclusión social, as dobre transición verde e dixital e promove a participación da xuventude na vida democrática.

 
 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data