Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Cohesión » A Xunta premia aos proxectos cofinanciados pola UE que contribúen ao desenvolvemento de Galicia

A Xunta premia aos proxectos cofinanciados pola UE que contribúen ao desenvolvemento de Galicia

04/10/2024 |

— O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, clausurou o I Concurso anual de proxectos cofinanciados #EuropaXunta.

— Incidiu en que no novo marco financeiro plurianual post-27 se aumente o peso que teñen actualmente os gobernos rexionais na definición e xestión das medidas financiadas cos fondos de cohesión.

— O programa Mentor da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica (Consellería de Política Social e Igualdade) resultou o gañador do proxecto europeo do ano en Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2024. O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, puxo en valor hoxe os proxectos financiados con fondos da Unión Europea pola súa contribución ao desenvolvemento de Galicia, e afirmou que a Xunta seguirá optimizando a súa xestión e mellorando a eficiencia na execución, ademais de fortalecer a súa gobernanza cos axentes económicos e sociais e outras administracións estatais e europeas.

Durante a súa participación na clausura do I Concurso anual de proxectos cofinanciados #EuropaXunta, Miguel Corgos destacou así a execución do 100% do marco financeiro xa concluído, 14-20, e incidiu no papel fundamental que a súa xestión tivo na mellora global dos indicadores sociais e de Emprego de Galicia.

Para seguir mellorando na execución, o conselleiro de Facenda e Administración Pública trasladou a importancia de promover unha xestión financeira eficiente e orientada a resultados reducindo a complexidade administrativa para axilizar a asignación e xestión. Ademais de implementar solucións tecnolóxicas innovadoras, priorizar proxectos de alto impacto socioeconómico e impulsar a atracción de financiamento doutros fondos europeos de xestión directa ou compartida.

Miguel Corgos recordou tamén que Galicia vén de expoñer no Parlamento Europeo a visión de Galicia para o novo marco financeiro plurianual post-27, centrado nun aumento do peso actual dos gobernos rexionais na definición e xestión das medidas financiadas cos fondos de cohesión. “O modelo que propón Galicia baséase no principio de proximidade. Os gobernos rexionais somos a administración máis próxima ao territorio e a que mellor coñece as necesidades a satisfacer cos recursos que reciben”, abundou.

Logo de felicitar aos finalistas e ao proxecto gañador deste concurso, Miguel Corgos concluíu lembrando que gran parte do desenvolvemento da Comunidade nos últimos 35 anos vai ligado aos fondos europeos recibidos. Así, desde 1986 e ata finais desta década, o Goberno galego ten xestionado máis de 32.000 millóns de euros de axudas comunitarias.

Na celebración deste encontro tivo lugar tamén a presentación dunha exposición itinerante sobre os fondos europeos que, no que resta de ano, percorrerá dez vilas e cidades da xeografía galega, comezando en Lalín hoxe mesmo. A mostra buscar dar a coñecer á cidadanía os distintos programas europeos e as oportunidades de financiamento que ofrecen, así como facer visibles os proxectos que xa están en marcha.

Gañador e finalistas 

O programa Mentor da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica (Consellería de Política Social e Igualdade) resultou o gañador do proxecto europeo do ano en Galicia.

Os finalistas de cada categoría foron:

  • Categoría #EuropaXunta é máis Intelixente, Competitiva e Dixital: Convocatoria InnovaPeme, da Axencia Galega de Innovación. Nesta categoría competían proxectos orientados á transformación industrial, o apoio ás pemes, o fomento da investigación e a dixitalización.
  • Categoría #EuropaXunta é máis Verde e Conectada: Innovaugas 4.0, de Augas de Galicia. Nesta categoría competían proxectos orientados, entre outras cousas, á transición enerxética, ás enerxías renovables, á loita contra o cambio climático, á agricultura sostible, á protección do medioambiente, á rehabilitación ambiental, á biodiversidade, á economía circular, á mobilidade sostible, ao transporte respectuoso co medio ambiente e a favorecer a intermodalidade e o movemento eficiente e seguro das persoas.
  • Categoría #EuropaXunta pola Inclusión Social: Programa Mentor, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica (Consellería de Política Social e Igualdade). Nesta categoría abranguíanse proxectos que buscaban favorecer a inclusión social e previr e combater a pobreza, deseñando actuacións destinadas ás persoas máis desfavorecidas, incluídas aquelas que permitan mellorar o acceso aos servizos xa sexan de emprego, sanitarios, de coidado infantil, ou de protección ás persoas sen fogar, de coidados de longa duración, etc.
  • Categoría #EuropaXunta pola Educación e o Emprego: Navegando o Futuro, da Axencia Galega de Innovación. Esta categoría facía referencia a proxectos que invistían na educación, na formación e na aprendizaxe permanente e/ou que busquen fomentar o emprego, mellorar o acceso ao mercado de traballo, apoiar a creación de empresas e microempresas, fomentar a cultura emprendedora e en liñas xerais mellorar as condicións laborais a persoas desempregadas, ocupadas e inactivas, á vez que se procure a integración.
  • Categoría #EuropaXunta é Innovadora e Novidosa: AgriFoodTEF, da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. Nesta categoría competían proxectos, iniciados e non rematados, que presenten novidades ben sobre o que se viña financiando en períodos anteriores ou ben sobre a forma de abordar retos actuais e que modifica a forma de proceder existente.

Contexto

A Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos (DXCFE) do Consellería de Facenda e Administración Pública organiza por primeira vez o Concurso Anual de Comunicación de Fondos Europeos de Galicia co fin de dar visibilidade e incrementar a concienciación da cidadanía sobre os resultados e o valor engadido do apoio dos fondos europeos en Galicia. O concurso ten o obxectivo de seleccionar, premiar, comunicar e difundir proxectos que recibisen financiamento por parte de fondos europeos de xestión compartida (isto é proxectos cofinanciados polo FEDER, incluído o obxectivo de cooperación territorial europea, polo FSE/FSE+, polo FEMP/FEMPA, polo FTX, polo FEADER e polo FEAGA) ou de xestión directa pola Comisión Europea (LIFE/LIFE+, HORIZONTE 2020, HORIZONTE EUROPA, LEADER, etc), excluíndose os proxectos financiados polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

Máis información: Xunta de Galicia

Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data

Novas relacionadas

Non hai novas relacionadas