Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais » Xunta e Comisión Europea analizan o Pacto por unha Industria Limpa

Xunta e Comisión Europea analizan o Pacto por unha Industria Limpa

30/04/2025 | , , , ,

— A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, inaugurou unha nova edición dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, moderada pola directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, Ana Ramos

— Carlos Maravall, secretario da UE do Comité Especializado en Enerxía da Comisión Europea, e Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas, reflexionaron sobre a descarbonización

Bruxelas, 30 de abril de 2025. A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, inaugurou unha nova edición dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas. Carlos Maravall, secretario da UE do Comité Especializado en Enerxía da Comisión Europea, e Pablo Fernández Vila, director xeral de Planificación Enerxética e Minas da Xunta de Galicia, analizaron o Pacto por unha Industria Limpa, un conxunto de medidas que buscan facer da descarbonización non só unha obriga medioambiental, senón tamén un auténtico motor de crecemento. A encargada de moderar a sesión foi a directora da oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas, Ana Ramos.

Na súa intervención, María Jesús Lorenzana destacou que nunha comunidade como Galicia, onde a industria representa máis do 16% do PIB –unha cifra superior á media nacional– e sectores como o téxtil, o naval ou a automoción teñen un peso estratéxico, esta iniciativa europea non pode pasar desapercibida. Dende a Comisión Europea, Carlos Maravall axudou a comprender mellor os obxectivos e o alcance do Plan, mentres Pablo Fernández Vila compartiu a visión e as prioridades do goberno galego neste ámbito, así como os retos e oportunidades que este novo marco europeo representa para o tecido produtivo de Galicia.

Pola súa banda, Ana Ramos defendeu a necesidade de adaptar as estruturas produtivas galegas aos obxectivos de neutralidade climática, sen perder competitividade nin emprego. Isto, explicou, tradúcese nun desafío que debe abordarse dende a colaboración institucional e cunha visión a longo prazo. A coordinación entre as prioridades comunitarias e as estratexias de desenvolvemento, engadiu, é, polo tanto, máis necesaria que nunca.

Contexto

Arredor de 700 representantes da Xunta participaron nas case 50 sesións dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’ celebrados dende 2020. A Fundación Galicia Europa impulsou esta iniciativa durante a pandemia, para informar da resposta da UE e o deseño do período de programación 21-27, que evolucionou ata converterse nun foro mensual no que debater sobre os temas da axenda comunitaria máis relevantes para Galicia.

© Fundación Galicia Europa

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data