Actualidade
Portada » Actualidade »Xunta e Comisión Europea analizan as oportunidades ofrecidas pola plataforma STEP
— A directora da oficina da Fundación Galicia Europa en Bruxelas inaugurou unha nova cita do ciclo ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, dedicada a esta xanela única que busca fortalecer a competitividade industrial comunitaria
— Con esta sesión, a iniciativa da FGE que reúne a representantes da administración galega e das institucións da UE para abordar políticas comunitarias cumpre catro anos
Bruxelas, 18 de setembro de 2024. A directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa, Ana Ramos, inaugurou a primeira reunión tralas vacacións de verán do ciclo ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas. A sesión serviu para analizar as oportunidades ofrecidas pola Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa (STEP), unha xanela única que busca axudar a fortalecer a competitividade industrial da UE ao mesmo tempo que se reducen as dependencias externas. Na súa intervención inicial, a directora avogou pola presenza e participación das rexións en iniciativas coma esta, no marco do principio de non prexudicar á cohesión.
A través da STEP foméntase a tecnoloxía limpa e eficiente en recursos, a tecnoloxía dixital, a biotecnoloxía e a tecnoloxía profunda. A plataforma mobiliza fondos a través de 11 programas europeos, incluído o Mecanismo de Recuperación y Resiliencia (MRR), InvestEU ou os fondos estruturais. A iniciativa naceu á luz da última crise, pero non pode descartarse o seu ánimo de continuidade, xa que a administración von der Leyen intentará neste novo mandato conxugar o equilibrio entre o impulso da transición ecolóxica e o fomento da competitividade.
No encontro de hoxe, a visión europea foi achegada por Carlos Arsuaga e Irati Icardo, responsables de políticas na task force para STEP. A perspectiva e a experiencia galega correu a cargo de Ángel Tarrío, director xeral de Cohesión e Fondos Europeos.
Catro anos de Encontros virtuais Xunta-UE
Con esta sesión, o ciclo de ‘Encontros Virtuais Xunta-UE’ cumpre catro anos reunindo ó Goberno galego con representantes das institucións europeas. Esta iniciativa da Fundación Galicia Europa xurdiu no contexto de crise sanitaria, para informar da resposta da UE e o deseño do período de programación 21-27, e evolucionou ata converterse nun foro mensual no que debater sobre os temas da axenda comunitaria relevantes para Galicia. Dende entón, máis de 500 representantes do Goberno galego participaron nas máis de 40 reunións organizadas ata o momento.
Máis información:
Fundación Galicia Europa