Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE » Encontros Virtuais » Xunta e Comisión abordan as prioridades do novo executivo comunitario

Xunta e Comisión abordan as prioridades do novo executivo comunitario

06/02/2025 | , , , ,

— O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou unha nova edición dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’ sobre as perspectivas e desafíos do novo executivo comunitario

— Sonia Vila, responsable de IDEA, o centro de asesoramento da presidenta da Comisión Europea, achegou o punto de vista comunitario, mentres a directora da oficina da FGE en Bruxelas, Ana Ramos, debullou as prioridades galegas

Bruxelas, 6 de febreiro de 2025. O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, inaugurou unha nova edición dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, o foro de debate entre o goberno galego e as institucións europeas. Durante a sesión, abordáronse as perspectivas e desafíos do novo executivo comunitario, o segundo presidido por Ursula von der Leyen.

Sonia Vila, directora xeral en funcións e xefa de unidade responsable de IDEA, o centro de asesoramento da presidenta da Comisión Europea –a piques de incorporarse ao gabinete de Roxana Mînzatu, vicepresidenta executiva de Dereitos Sociais e Capacidades, Empregos de Calidade e Preparación Estratéxica–, puxo sobre a mesa o punto de vista comunitario, mentres que Ana Ramos, directora da oficina da Fundación Galicia Europa (FGE) en Bruxelas, repasou as prioridades galegas ante o comezo do novo ciclo institucional.

Gamallo cualificou os ‘Encontros virtuais Xunta-UE’ como fundamentais para achegar a Unión Europea a Galicia

Na inauguración, Jesús Gamallo destacou a importancia de achegar a Unión Europea a Galicia a través de iniciativas como os ‘Encontros virtuais Xunta-UE’, que cualificou de fundamental para trasladar as prioridades europeas ao ámbito da Xunta. O director xeral explicou que para defender os intereses galegos en Europa é imprescindible comprender como se deseñan as políticas comunitarias e achegar a experiencia da FGE dende o terreo.

Sobre as prioridades da nova Comisión von der Leyen, Jesús Gamallo destacou cuestións como a ampliación da UE e a súa autonomía estratéxica, a seguridade e defensa, ou a neutralidade climática. Unhas prioridades que, en palabras da propia presidenta da Comisión recollidas polo director xeral, céntranse no fortalecemento do futuro de Europa nos próximos anos.

Contexto

Dende 2020, máis de 600 representantes da Xunta participaron nas 45 edicións celebradas dos ‘Encontros virtuais Xunta-UE’. A Fundación Galicia Europa impulsou esta iniciativa durante a pandemia, para informar da resposta da UE e o deseño do período de programación 21-27, que evolucionou ata converterse nun foro mensual no que debater sobre os temas da axenda comunitaria máis relevantes para Galicia.

Máis información: A Xunta e Comisión abordan as prioridades do novo executivo comunitario (Xunta)

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data