Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Desenvolvemento Rural » A Xunta pon en valor a súa aposta pola creación de servizos no rural na Mesa do Comité das Rexións

A Xunta pon en valor a súa aposta pola creación de servizos no rural na Mesa do Comité das Rexións

31/10/2023 | ,

— A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou na mesa redonda ‘Abordar os retos demográficos nas zonas rurais’, organizada polo Comité Europeo das Rexións

— Destacou a posta en marcha das casas niño e casas do maior en concellos pouco poboados do rural, a aprobación da primeira Lei de Impulso Demográfico e a aplicación da gratuidade en todas as escolas infantís de Galicia.

Logroño, 31 de outubro de 2023. A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, participou esta mañá nun debate de alto nivel organizado no seo da reunión exterior da Mesa do Comité Europeo das Rexións (CdR), celebrada esta semana en Logroño con motivo da Presidencia española do Consello da UE. A mesa redonda que integrou como relatora, á que asistiu tamén o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, levou por título Abordar os retos demográficos nas zonas rurais.

Nela abordáronse os grandes retos sistémicos que estas áreas enfrontan na actualidade, tales como o despoboamento, a diminución da man de obra, a insuficiencia de investimentos para responder ás transición verde e dixital e a falta de servizos esenciais. Neste sentido, Fabiola García destacou as medidas impulsadas polo Goberno galego para a creación de servizos de atención no rural galego.

Durante a súa intervención, puxo en valor a posta en marcha no ano 2016 das primeiras casas niño, un recurso de conciliación totalmente gratuíto para nenos de 0 a 3 anos e que nestes momentos xa chega a preto dun cento de concellos galegos. Unha atención que se completou no ano 2018 coa creación das primeiras casas do maior, desta volta para a atención diúrna de persoas maiores.

A conselleira lembrou que a Xunta tamén se converteu en pioneira ao aprobar no ano 2021 a primeira Lei de Impulso Demográfico de España. Unha normativa que blinda todas as medidas destinadas a frear a perda de poboación e garantir a igualdade de oportunidades entre territorios, unha cuestión que afecta especialmente a Galicia pola marcada dispersión territorial.

Declaración de Logroño

Ao final da reunión desta última Mesa do Comité Europeo das Rexións, os líderes locais e rexionais europeos adoptaron a Declaración de Logroño, baixo o título Garantir o desenvolvemento de zonas rurais prósperas e dinámicas. Neste texto, manifestan a necesidade de que todas as políticas da Unión Europea teñan en conta a protección das zonas rurais, fomentando o seu atractivo, protexendo a calidade de vida da súa poboación e prestándolles un apoio específico para adaptarse á crise climática e a transición ecolóxica.

A mensaxe que queren transmitir coa Declaración é claro: para lograr un futuro sostible, a Unión Europea necesita zonas rurais fortes coa plena participación das comunidades rurais no proxecto europeo.

Contexto

O Comité Europeo das Rexións é a asemblea consultiva na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea. Constituida por un grupo de membros, a Mesa é o motor político do CdR, encargada de elaborar o seu programa político e de supervisar a súa aplicación.

Reúnese antes de cada sesión plenaria para coordinar o traballo tanto do pleno como das comisións e celebra dúas reunións extraordinarias ao ano no Estado que ostenta a presidencia do Consello da UE. Esta última foi a número 222, celebrada en Logroño entre os días 30 e 31 de outubro.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data