Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Desenvolvemento Rural » A Xunta pide en Bruxelas unha vacina marcada contra a dermatose e máis flexibilidade para o sector gandeiro

A Xunta pide en Bruxelas unha vacina marcada contra a dermatose e máis flexibilidade para o sector gandeiro

31/03/2026 |

— A conselleira do Medio Rural reuniuse na capital comunitaria co comisario de Saúde e Benestar Animal para abordar as medidas preventivas fronte a esta doenza do gando

— María José Gómez advertiu que o mantemento do rigor nas medidas sanitarias é compatible coa flexibilización das obrigas que teñen que respectar os gandeiros á hora de xestionar unha enfermidade que, dixo, “preocupa” no sector primario galego

— Sinalou que a vacina existente ata o de agora ten a condición de “viva” e nun animal que dea positivo non se diferenza se ten a doenza ou está vacinado, polo que é precisa unha vacina marcada que permita tal diferenciación

Bruxelas, 31 de marzo de 2026. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, reiterou hoxe en Bruxelas a petición ás autoridades comunitarias de que rebaixen a categoría da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC), co fin de flexibilizar as esixencias aos gandeiros que se poidan ver afectados pola doenza, e tamén que a UE lidere a investigación a prol dunha vacina marcada para administrar ao gando de xeito preventivo. A titular de Medio Rural reuniuse co comisario europeo de Saúde e Benestar Animal, Olivér Várhelyi, e trasladoulle estas demandas, que a Xunta vén facendo desde hai tempo para reforzar a loita fronte a esta enfermidade e, sobre todo, para previr a súa chegada a Galicia.

Neste sentido, a conselleira lembrou que a baixada da categoría “A”, a máis grave, é fundamental para aliviar a carga dos gandeiros que poidan rexistrar algún caso nas súas explotacións. Así, tal e como está catalogada actualmente a doenza, de darse algún positivo sería preciso un baleiro sanitario, é dicir, sacrificar todas as reses da explotación, independentemente de que se viran afectadas ou non.

Ademais, Gómez lembrou que esta enfermidade non se transmite aos seres humanos. Por todos estes motivos, advertiu que o mantemento do rigor nas medidas sanitarias é compatible coa flexibilización das obrigas dos gandeiros á hora de xestionar a doenza.

Reunión a nivel internacional

Segundo explicou a conselleira, por parte do comisario se lle sinalou a imposibilidade, ata o momento, de rebaixar a categoría da doenza, tendo en conta o que establece a normativa internacional sobre o particular. Porén, Gómez avanzou que o comisario lle trasladou que no vindeiro mes de maio se vai reunir a comisión sobre sanidade animal a nivel mundial “para tentar flexibilizar algúns dos aspectos que rexen nesta enfermidade”. Nesta liña, Gómez insistiu en que para Galicia é “esencial” que se modifique o status actual, porque existe “unha clara preocupación” no sector galego, remarcou. Un sector ao que a conselleira pediu que “extreme as precaucións” e tamén “corresponsabilidade” á hora de limitar as entradas ás granxas, de respectar as medidas de bioseguridade e de realizar a desinsectación, especialmente agora que empeza a época de máis calor. Tamén animou aos gandeiros a “facer o menor número posible de movementos de animais vivos doutros territorios”, co fin de minimizar os riscos.

Vacina marcada

En relación coa vacina, a conselleira instou de novo á Comisión -como xa se fixo a principios de mes na entrevista co responsable europeo de Agricultura e Alimentación- a liderar a procura dunha vacina marcada. Así, Gómez sinalou que a vacina existente polo de agora ten a condición de “viva”, polo que nun animal que dea positivo non se diferenza se ten a doenza ou está vacinado. Trátase, xa que logo, de que a UE impulse de forma xurídica e económica as actuacións de investigación necesarias para lograr esa vacina marcada que poida usarse de forma preventiva.

Nesta liña, a conselleira considerou ambas reclamacións “xustas, necesarias e que protexen os nosos produtores” e recordou que tamén foron trasladadas ao Goberno de España. Neste sentido, esixiu unha vez máis ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) unha maior coordinación a nivel estatal, unha táboa de indemnizacións homoxénea e común a toda España para os posibles afectados, así como tamén a incorporación da doenza aos seguros agrarios.

Fonte: Xunta de Galicia

© Fundación Galicia Europa 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data