Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Medioambiente e Clima » Xa está dispoñible o novo conxunto de ferramentas do Pacto Verde para as cidades e rexións

Xa está dispoñible o novo conxunto de ferramentas do Pacto Verde para as cidades e rexións

10/10/2022 | ,

— O Comité Europeo das Rexións publicou o primeiro manual do Pacto Verde, centrado na adaptación ao cambio climático. 

Bruxelas, 10 de outubro de 2022. O manual recolle un conxunto de ferramentas interactivo que proporciona información sobre a axuda financeira e os instrumentos técnicos cos que poder implantar medidas de adaptación ao cambio climático en función das diferentes zonas xeográficas e particularidades rexionais. O obxectivo é dotar aos entes locais e rexionais dun conxunto de ferramentas e recomendacións que lles permitan adaptarse mellor ao cambio climático, minimizar as vulnerabilidades e desenvolver a resiliencia, co fin de reducir tanto os riscos de desastres como as perdas e os danos. Cada Estado membro da UE dispón da súa propio manual.

Deseñado de maneira creativa e interactiva, o novo manual sobre adaptación ao cambio climático ofrece aos entes locais e rexionais unha guía á hora de aplicar o Pacto Verde a escala local e rexional. A información que proporciona tamén axuda na procura das medidas adecuadas para facer fronte aos perigos do cambio climático. Así mesmo, ofrece orientación sobre estudos de casos, axuda financeira e asistencia técnica nos ámbitos da adaptación ao cambio climático. Esta primeira edición céntrase na adaptación ao quecemento global, mentres que os próximos manuais farán maior fincapé na onda de renovación e a biodiversidade.

O manual sobre adaptación ao cambio climático forma parte da campaña «O Pacto Verde faise local» do Comité das Rexións, cuxo obxectivo é apoiar a aplicación do Pacto Verde a escala local e rexional. Debido a que non existe unha «receita única» para a aplicación local e rexional do Pacto Verde, este manual presenta unha guía paso a paso e adáptase a cada contexto local (desde as zonas urbanas ou rurais ata as costeiras, entre outras).

A participación da FGE no Pacto Europeo polo Clima

A Fundación Galicia Europa foi unha das primeiras entidades europeas en adherirse ao Pacto Verde Europeo, do que xa forman parte máis de mil asociacións. Isto concorda co compromiso de Galicia, unha das rexións pioneiras en Europa no eido climático.

En decembro de 2020, a Comisión Europea lanzou o Pacto Europeo polo Clima, unha iniciativa enmarcada no Pacto Verde Europeo que pretende reunir ás autoridades locais e rexionais, a industria e a sociedade civil para intercambiar información e facilitar a comprensión e implicación da cidadanía no Pacto Verde Europeo.

Adheridos ao Pacto Europeo polo Clima, a FGE promove actividades de información, formación e sensibilización nos obxectivos do Pacto Verde Europeo. Ademais, na FGE ratificamos o noso compromiso de contribuír aos obxectivos do Pacto Europeo polo Clima e comprometémonos a compartir coa Comisión Europea o seguimento dos nosos avances.

Contexto

O Pacto Verde Europeo é un paquete de iniciativas políticas cuxo obxectivo é situar á UE no camiño cara unha transición ecolóxica, co obxectivo último de alcanzar a neutralidade climática de aquí a 2050.

É a base para a transformación da UE nunha sociedade equitativa e próspera cunha economía moderna e competitiva. Subliña a necesidade de adoptar un enfoque holístico e intersectorial no que todos os ámbitos de actuación pertinentes contribúan ao obxectivo climático final.

O paquete inclúe iniciativas que abarcan o clima, o medio ambiente, a enerxía, o transporte, a industria, a agricultura e as finanzas sostibles, todas elas estreitamente relacionadas.

Máis información: Comité Europeo das Rexións

Manual España 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data