Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea »
Ursula von der Leyen pronunciou o derradeiro discurso sobre o estado da Unión da súa lexislatura
— A presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, pronunciou o discurso sobre o estado da Unión co que encara a recta final da súa lexislatura.
— Entre as principais cuestións abordadas que afectan a Galicia están as diferentes propostas que integran o Pacto Verde Europeo.
Bruxelas, 13 de setembro de 2023. A presidenta da Comisión, Ursula von der Leyen, pronunciou está mañá o discurso sobre o estado da Unión (SOTEU), seguido dun debate posterior cos eurodiputados. Na intervención da mandataria, que marca o inicio do actual curso político, quedaron debuxadas as prioridades coas que a Unión afronta a recta final da lexislatura.
Tras realizar unha análise detallada do contexto actual, aínda marcado polas consecuencias da invasión rusa a Ucraína, Von der Leyen fixo un balance dos obxectivos conseguidos e dos asuntos que están por concluír. Coas eleccións ao Parlamento Europeo xa no horizonte, a organización afronta un momento crucial no seu proceso de transformación e adaptación ao futuro, no que aspira ser máis verde, máis dixital e máis forte en termos xeopolíticos.
Pacto Verde
A transición verde foi un dos temas centrais da intervención da presidenta, que apelou a continuar o camiño cara a modernización e a descarbonización da industria sen deixar de lado a competitividade da Unión a través de medidas como a Lei de Materias Primas Fundamentais.
Fixo especial fincapé na cuestión enerxética, apostando por enerxías verdes coma o hidróxeno limpo ou a eólica a través de medidas coma o paquete de enerxía eólica europea. Tamén en liña co Pacto Verde Europeo, von der Leyen falou da súa afectación ao sector primario, propoñendo o inicio dun diálogo estratéxico sobre o futuro da agricultura na UE, unha das prioridades de Galicia.
«Teño a convicción inamovible de que a agricultura e a conservación da natureza poden ir da man», dixo Ursula von der Leyen.
Competitividade e política social
Outra das cuestións claves do discurso foi o tecido empresarial europeo, que afronta actualmente unha serie de retos: a escaseza de man de obra, a inflación e a simplificación da actividade empresarial. Para enfrontalos, a Comisión convocará un novo Cume de Interlocutores Sociais en Val Duchesse.
Neste ámbito, Galicia xa amosou o seu compromiso coa loita contra a escaseza de man de obra e de persoal cualificado coa aprobación da Axenda Galega de Capacidades e seguirá facéndoo durante o debate que terá lugar este curso político.
Así mesmo, a presidenta tamén abordou o novo marco mundial da IA, que Europa quere liderar con medidas que expandan a súa Lei Integral da IA. Galicia espera estar á vangarda no desenvolvemento desta tecnoloxía clave, un reto no que participará tanto coas súas empresas como a través da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña.
Contexto
Cada ano, en setembro, a presidenta da Comisión Europea pronuncia o discurso sobre o estado da Unión ante o Parlamento Europeo. Nel, fai balance dos logros do ano anterior e presenta as prioridades para o ano seguinte. No seu discurso, a presidenta expón tamén como fará fronte a Comisión aos retos máis perentorios da Unión Europea e formula ideas para o futuro da UE.
Máis información: Comisión Europea
