Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Participación Xuvenil »Os voluntarios IVY da Fundación Galicia Europa achegan a Unión Europea a 30 mozos en Vedra
— A iniciativa “Creando pontes desde Galicia” foi xestionada e organizada por voluntarios do proxecto Interreg Volunteer Youth (IVY) e tivo lugar na estación de co-woking do Concello de Vedra.
— Preto de 30 mozos puideron coñecer as posibilidades de emprego na Unión Europea, así como o funcionamento dos proxectos europeos e os problemas que afectan a Galicia.
Vedra (A Coruña), 9 de novembro de 2024. Os voluntarios do proxecto Interreg Volunteer Youth (IVY), que colaboran coa Fundación Galicia Europa, organizaron a xornada “Creando pontes desde Galicia” na estación de co-woking do Concello de Vedra (A Coruña). No evento, preto de 30 mozos puideron coñecer as posibilidades de emprego que ofrece a Unión Europea. Tamén se explicou como se deseñan e executan os proxectos europeos e animouse a pensar e idear solucións eficaces para Galicia.
O evento foi xestionado e executado integramente polos voluntarios IVY da Fundación Galicia Europa, Agustina Essain Diaz e Hernán Rodríguez Iglesias, xunto coa voluntaria da Cámara de Comercio de Santiago, Camila Pérez Senande. Conxuntamente, os tres deseñaron a xornada “Creando pontes dende Galicia” dacordo coa iniciativa Interreg CEA (Actividade de Participación Cidadá). O obxectivo destas sesións é sensibilizar á cidadanía sobre a política de cohesión e os programas que dela se derivan, neste caso Interreg.
Erasmus para emprendedores
A xornada comezou cunha introdución do voluntario e politólogo Hernán Rodríguez Iglesias na que explicou cal é a política de cohesión territorial da Unión Europea.
A continuación, participaron Pilar del Oro Sáez, asesora técnica da Fundación Galicia Europa; Belén Mendoza, responsable de proxectos europeos da Cámara de Comercio de Santiago; e Manuel Costa, concelleiro de Turismo e Educación do Concello de Vedra. Os tres expertos presentaron as ofertas de emprego e prácticas que ofrece a Unión Europea, facendo especial mención ao proxecto “Erasmus para Emprendedores”. Esta iniciativa ofrece aos cidadáns europeos a posibilidade de realizar un intercambio de traballo no sector no que queren emprender, en calquera dos países da Unión Europea e por un período máximo de seis meses. Ademais, os expertos presentaron algúns dos proxectos financiados con fondos europeos que están a levar a cabo en Galicia.
Xa pola tarde celebrouse un ‘hackathon’ creativo onde os mozos desenvolveron proxectos que dan solución a problemas concretos que existen en Galicia. Camila Pérez e Agustina Essain, voluntarias IVY da Fundación Galicia Europa, expuxeron e explicaron as problemáticas concretas nas que traballaron os participantes. Os membros do equipo gañador recibiron como premio unha Tablet.
Pecharon o acto dous artistas locais que interpretaron varias muñeiras típicas galegas con gaita e pandeireta.
A Fundación Galicia Europa agarda que esta xornada se poida repetir ao longo dos anos, xa que é relevante a achega que lle brinda á mocidade. A súa participación nestes eventos é importante para a súa formación, non só pola información que neles se difunde, senón porque permite aos voluntarios deseñar e executar un evento rexional.
Consulta as imaxes da xornada celebrada en Vedra:
Interreg Volunteering Youth
O voluntariado IVY forma parte da política da Unión Europea “Youth4Cooperation”, creada en 2017, que conta con actividades e eventos para mozos e que ten como proposta estrela a Interreg Volunteer Youth. Este proxecto reúne a mozos de entre 18 e 30 anos de diferentes rexións de Europa co obxectivo de que poidan colaborar con institucións que traballan con proxectos europeos financiados polo programa Interreg, durante un período máximo de seis meses. No proxecto xa participaron 944 mozos, en 390 institucións con 97 países implicados.
O obxectivo xeral de IVY é promover o éxito dos programas e proxectos Interreg nos que participan mozos voluntarios. Máis polo miúdo, búscase reforzar a visibilidade dos programas e proxectos Interreg, IPA-CBC e ENI-CBC/Interreg NEXT; a través do apoio ao voluntariado xuvenil, especialmente como socios do proxecto Interreg. Ademais, preténdese ofrecer novas oportunidades en actividades solidarias que conduzan a un cambio social positivo. Finalmente, a iniciativa IVY contribúe á integración europea e sensibiliza aos nenos sobre o seu impacto positivo.
Máis información: Programa Interreg Volunteer Youth
Fundación Galicia Europa