VISITA DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA A BRUXELAS Os días 28 e 29 de novembro o presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, realizou a súa primeira visita de carácter institucional a Bruxelas. Durante a mesma tivo a oportunidade de entrevistarse cos principais dirixentes das Institucións Europeas así como cos responsables das carteiras de Política Rexional e de Asuntos Económicos e Monetarios da Comisión Europea. O titular da Xunta de Galicia presentou en sendas entrevistas cos presidentes da Comisión Europea, José Manuel Durão Barroso, e do Parlamento Europeo, Josep Borrell Fontelles, as liñas básicas de actuación que o goberno galego ten a intención de pór en marcha para impulsa-las relacións coa Unión Europea. Avogou polo mantemento e a potenciación dos fondos estructurais e os programas específicos de cooperación da Unión Europea no seguinte período de financiamento europeo 2007-2013 a fin de completa-la converxencia rexional europea. Os presidentes das dúas principais Institucións Europeas amosaron o seu apoio á nova dirección que vai toma-la política económica da Xunta de Galicia, centrada nos investimentos en educación, innovación e desenvolvemento tecnolóxico, que se atopa plenamente en liña cos obxectivos da Estratexia de Lisboa. Pola súa parte, durante o encontro coa comisaria de Política Rexional, Danuta Hübner, o presidente do Goberno galego informou sobre as prioridades galegas do novo período de programación. Ambos estiveron de acordo na necesidade de dar unha nova orientación á estratexia de desenvolvemento rexional, poñendo en marcha novos proxectos, non só en infraestructuras, senón tamén de innovación, modernización empresarial e de capital risco. Ademais, a comisaria informou ó presidente da Xunta da decisión favorable da Comisión Europea de apoia-lo financiamento do porto exterior da Coruña cun importe de 257, 5 millóns de euros provenientes do Fondo de Cohesión. Danuta Hübner tamén aceptou a invitación realizada polo xefe do Executivo autonómico de visitar Galicia, visita que podería ter lugar no primeiro semestre de 2006. O Presidente tratou tanto coa comisaria Hübner como co comisario de Asuntos Económicos e Monetarios, Joaquín Almunia, a situación do debate sobre as perspectivas financeiras e a posibilidade de chegar a un acordo no vindeiro Consello Europeo de decembro. Ambos comisarios coincidiron en que hai algunha perspectiva de acordo se ben as negociacións van ser complexas e esta posibilidade é bastante difícil. Aínda que un acordo neste Consello Europeo despexaría o camiño para que Galicia seguira recibindo un amplo apoio dos fondos estructurais europeos, un retardo non sería necesariamente perxudicial para Galicia, pois os datos que manexa o Instituto Nacional de Estatística e Eurostat referidos o ano 2003 serían favorables á continuidade na percepción de fondos. En todo caso, o presidente da Xunta de Galicia insistiu na necesidade de mante-la prudencia, xa que ata que non se chegue a un acordo definitivo sobre as perspectivas financeiras nada está decidido. Durante a súa estancia en Bruxelas, o Presidente da Xunta reuniuse tamén con Embaixador Representante Permanente de España ante a Unión Europea así como con varios eurodeputados galegos. Fuente Foto, XUNTA DE GALICIA, XOÁN CRESPO
