Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » I+D+i »A Xunta impulsa unha política de innovación europea baseada na colaboración interrexional a través da Vanguard initiative
— A directora da Axencia Galega de Innovación participou na reunión de directores de alto nivel desta Iniciativa, unha alianza de 38 rexións europeas interesadas en estimular a innovación a través da colaboración interrexional.
— Carmen Cotelo reuniuse coa directora da Rede de Investigación e Innovación das Rexións Europeas (ERRIN) para establecer colaboracións máis estreitas con outras rexións europeas.
Namur, 7 de xuño de 2024. A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, Carmen Cotelo, participou onte en Namur (Bélxica) na reunión de directores de alto nivel da Vanguard Initiative, unha alianza formada por 38 rexións europeas da que Galicia forma parte dende 2015. O seu obxectivo é estimular o crecemento europeo baseado na innovación a través da colaboración interrexional e a especialización intelixente.
No marco da xuntanza, presentouse un informe sobre a posición desta iniciativa ao respecto da orientación das novas políticas europeas de innovación. A proposta reclama unha política de innovación europea baseada en aproximacións colaborativas e nos principios da especialización intelixente. Así mesmo, presentáronse boas prácticas a nivel rexional sobre como organizar e mobilizar intermediarios e entidades claves, incluídas as pemes, para maximizar o impacto da Iniciativa.
Pola tarde, Carmen Cotelo reuniuse en Bruxelas con representantes da Rede de Investigación e Innovación das Rexións Europeas (ERRIN nas súas siglas en inglés), da que Galicia forma parte xunto a outras preto de 120 rexións de 20 países europeos. O obxectivo do encontro foi intentar establecer colaboracións máis estreitas con outras rexións europeas en eidos estratéxicos para Galicia. ERRIN apoia aos seus membros na mellora das súas capacidades rexionais e locais de innovación e investigación e no desenvolvemento dos seus ecosistemas de I+D+i.
Outras reunións no marco da visita de GAIN a Bruxelas
No marco da súa viaxe a Bruxelas, Carmen Cotelo mantivo o mércores varias reunións de traballo con representantes de distintas institucións europeas para coñecer as oportunidades que ofrecen as novas iniciativas e fondos europeos ao ecosistema galego de I+D+i e posicionar a Galicia como un referente en distintos ámbitos como a biotecnoloxía, deep tech ou os programas de captación e retención de talento como Oportunius.
A primeira hora da mañá, a representante de GAIN mantivo un encontro con Jorge Molina Villanueva e con Giuseppina Luvara, da Dirección Xeral de I+D+i da Comisión Europea. Neste marco, interesouse pola nova iniciativa da Comisión para impulsar a biotecnoloxía e a biofabricación, polo seu potencial para impulsar sectores como o farmacéutico, o sanitario, o alimentario ou o industrial e a súa contribución a unha Unión Europea máis competitiva e resiliente. Así mesmo, a directora de GAIN expuxo as prioridades de Galicia neste ámbito incluídas na Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia 21-25, que ten como obxectivo avanzar no posicionamento de Galicia como Comunidade referente en biotecnoloxía.
A continuación, reuniuse con José Labastida, xefe da unidade de Apoio ao Consello Científico do Consello Europeo de Investigación (ERC). Con el abordou posibles medidas para dinamizar a participación do persoal investigador excelente nesta e noutras convocatorias europeas e para atraer candidatos, finalistas e gañadores das axudas do ERC. Estas sumaríanse ás que xa se están a poñer en marcha a través do programa Oportunius, que desde o seu lanzamento apoiou a 31 investigadores principais.
Por último, a directora de GAIN mantivo tamén un encontro con Ana Ramos, directora da oficina de Bruxelas da Fundación Galicia Europa. GAIN e a FGE colaboran en políticas e programas europeos de I+D+i.
Máis información: Xunta de Galicia