Actualidade
Portada » Actualidade » Novas »Unha vintena de profesionais galegos reciben formación sobre financiamento comunitario en Bruxelas da man da Fundación Galicia Europa
— Outras 50 persoas inscribíronse á modalidade en liña, así que foron máis de 70 os profesionais de entidades públicas e privadas que puideron seguir a 21ª edición do curso TecEuropa
— Os participantes recibiron formación sobre como acceder ao financiamento comunitario por parte de diferentes especialistas e visitaron as principais institucións comunitarias
Bruxelas, 14 de novembro de 2024. A Fundación Galicia Europa acolleu esta semana en Bruxelas unha vintena de profesionais galegos de entidades públicas e privadas no marco da 21ª edición do programa TecEuropa, o curso de referencia en financiamento comunitario en Galicia. Outras 50 persoas rexistráronse para participar a través da modalidade en liña, polo que, en total, foron máis de 70 os inscritos. A maioría dos participantes proceden do ámbito público (concellos, deputacións, administración autonómica, universidades…).
A Fundación Finnova, especializada no financiamento da innovación en empresas, rexións e municipios europeos, encargouse de dúas sesións formativas con claves para presentarse a convocatorias de programas como Erasmus ou Life, ademais de consellos xerais para preparar as candidaturas. Pola súa parte, unha funcionaria da Comisión Europea presentou o Portal de Financiamento Comunitario (EU funding and Tenders Portal), dando consellos para a súa utilización.
Os participantes puideron visitar catro institucións comunitarias. No Consello, asistiron á explicación sobre o seu papel como colexislador europeo e como motor estratéxico da UE. Na Comisión Europea explicouse o seu papel como executivo comunitario e fíxose especial fincapé na política europea de cohesión e a súa aplicación en Galicia. No Parlamento Europeo, os participantes realizaron unha visita guiada e puideron coñecer aos catro eurodeputados galegos. Finalmente, no Comité Europeo das Rexións aprenderon sobre o seu funcionamento e a participación de Galicia nel.
Case unha década de TecEuropa
TecEuropa é o programa de especialización en financiamento comunitario que a Fundación Galicia Europa organiza dende hai nove anos. O obxectivo é proporcionar ao persoal técnico das entidades públicas e privadas de Galicia unha visión xeral das diferentes fontes de financiamento comunitario e, sobre todo, a oportunidade de comprender a lóxica de intervención da UE a través dos diferentes fondos e programas dispoñibles. Ademais, búscase fomentar a existencia dunha rede de técnicos en Galicia para compartir experiencias e coñecementos, así como para desenvolver proxectos conxuntos.
Dende o seu lanzamento en 2015, TecEuropa reuniu a máis de mil participantes: case 200 nas primeiras edicións presenciais, celebradas ata 2019, e máis de 900 nas dez edicións virtuais celebradas dende 2020. Co novidoso formato híbrido desta 21ª edición, recuperáronse as axudas para o desprazamento e aloxamento en Bruxelas, ao mesmo tempo que se permitiu a conexión a distancia para chegar a un público máis amplo.