Actualidade
Portada » Actualidade » Novas »
Un novo enfoque da política migratoria europea: a atracción de talento e habilidades á Unión Europea
— A Comisión Europea propón unha serie de iniciativas xurídicas, operativas e políticas co obxectivo de beneficiar á economía da UE, reforzar a cooperación con terceiros países e mellorar a xestión global da migración a longo prazo
Bruxelas, de 19 de maio de 2022.– Como parte do enfoque global da migración establecido no Pacto sobre Migración e Asilo, a Comisión Europea propón iniciativas xurídicas, operativas co obxectivo de beneficiar á economía da UE, reforzar a cooperación con terceiros países e mellorar a xestión global da migración a longo prazo. O paquete tamén inclúe accións específicas para facilitar a entrada no mercado laboral da UE de quen foxe da invasión rusa de Ucraína.
Un marco lexislativo mellorado
Para garantir que os Estados membros dispoñan dos instrumentos xurídicos adecuados para simplificar os procedementos de migración e mellorar os dereitos dos traballadores migrantes, a Comisión propón unha revisión da Directiva sobre o permiso único e da Directiva sobre residentes de longa duración.
- Un procedemento simplificado para o permiso único de traballo e residencia combinados fará que o proceso sexa máis rápido e fácil para os solicitantes e os empregadores. Permitirá aos solicitantes presentar solicitudes tanto de países non pertencentes á UE como de Estados membros e reforzará as garantías de igualdade de trato e protección contra a explotación laboral.
- A revisión da Directiva de Residentes de Longa Duración facilitará a adquisición do estatuto de residente de longa duración na UE ao simplificar as condicións de admisión. Ademais, a revisión reforzará os dereitos dos residentes de longa duración e dos membros das súas familias, incluíndo melloras no reagrupamento familiar e facilitando a mobilidade intracomunitaria.
Mellor adecuación das cualificacións ás necesidades do mercado laboral
A Comisión propón intensificar a cooperación operativa entre os Estados membros, así como cos países asociados. Os traballos xa están avanzados cunha serie de iniciativas crave para adecuar o mercado laboral e as necesidades de cualificación dos Estados membros e os países socios.
Tras a posta en marcha das Asociacións de Talentos en xuño de 2021, a Comisión propón agora medidas modelo para facelas operativas co obxectivo de poñer en marcha as primeiras Asociacións de Talentos a finais de 2022 con Marrocos, Tunes e Exipto.
Ademais, a Comisión propón establecer a primeira plataforma e ferramenta de emparellamento a escala da UE, o Banco de Talentos da UE, para facer que a UE sexa máis atractiva para os cidadáns de fóra da UE que buscan oportunidades e axudar aos empregadores para atopar o talento que necesitan.
Para facer fronte á urxente necesidade de facilitar o acceso ao mercado laboral dos recentemente chegados de Ucraína, a Comisión propón unha iniciativa piloto que debería estar en marcha no verán de 2022.
A plataforma a escala da UE axudará a poñer en contacto as súas capacidades e cualificacións con posibles empregadores a nivel local ou noutro Estado membro.
Unha política de migración legal con visión de futuro
Por último, a Comisión está a estudar outras posibles vías de migración legal a medio e longo prazo. A Comisión ve a posibilidade de centrarse en políticas orientadas ao futuro ao redor de tres ámbitos de actuación: asistencia, mocidade e innovación. O obxectivo será:
- Atraer competencias e talento en sectores nos que hai escaseza e necesidades de man de obra.
- Crear oportunidades para que os mozos exploren novos países, se beneficien do traballo e viaxen.
- Promover o espírito empresarial de innovación na UE e investir na soberanía tecnolóxica europea.
Antecedentes
Ao longo das dúas últimas décadas, a UE desenvolveu un marco xurídico que harmoniza as condicións de entrada e residencia dos Estados membros para os cidadáns de fóra da UE. Unha avaliación en 2019 subliñou que se podería facer máis para aumentar o impacto do marco legal de migración europeo nos desafíos demográficos e migratorios da UE. Tras unha ampla consulta pública e por mor de dúas resolucións do Parlamento Europeo en 2021, pediuse á Comisión que presentase un conxunto de propostas para facilitar a migración legal á UE co obxectivo de reducir a burocracia, reforzar a harmonización, promover os dereitos fundamentais e a igualdade de trato e previr a explotación laboral.
Máis información: Comisión Europea
