Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Brexit » Bruxelas e Londres dan un paso decisivo cara a asociación Erasmus+ en 2027

Bruxelas e Londres dan un paso decisivo cara a asociación Erasmus+ en 2027

15/04/2026 |

— A Unión Europea e o Reino Unido dan luz verde á asociación do Reino Unido ao programa Erasmus+ en 2027

— O acordo tamén contribuirá a crear e fortalecer asociacións entre institucións académicas da UE e do Reino Unido

Bruxelas, 15 de abril de 2026. A asociación do Reino Unido ao Erasmus+ situará o alumnado, o persoal, as institucións educativas e as organizacións británicas nas mesmas condicións ca as dos Estados membros da UE e doutros terceiros países asociados ao programa. Esta decisión sitúa os intercambios entre persoas no centro da renovada axenda UE-Reino Unido e reforza a cooperación entre ambas partes. Este importante paso dá cumprimento ao compromiso asumido no primeiro Cumio UE-Reino Unido de maio de 2025, mediante a adopción dunha modificación do Protocolo I do Acordo de Comercio e Cooperación entre a UE e o Reino Unido.

Este avance abrirá oportunidades para milleiros de estudantes, profesionais da educación e mozos e mozas, proporcionándolles competencias e habilidades de futuro altamente demandadas polo mercado laboral. Tamén permitirá que máis persoas de contextos diversos poidan estudar, ensinar ou formarse no estranxeiro.

O acordo tamén contribuirá a crear e fortalecer asociacións entre institucións académicas da UE e do Reino Unido. Favorecerá a cooperación e o intercambio de boas prácticas, permitindo aos distintos actores aproveitar mellor as novas tecnoloxías, desenvolver métodos innovadores de ensino, formación e aprendizaxe, promover a educación non formal e crear ferramentas e actividades comúns. Isto contribuirá a reforzar a posición de Europa como referente mundial en educación.

A Comisión Europea traballará estreitamente cos socios británicos para garantir que Erasmus+ achegue o máximo beneficio ao alumnado e ás institucións de ambas beiras da Canle. O Reino Unido designará unha Axencia Nacional encargada de supervisar a súa participación no programa a partir de 2027.

Contexto

Ademais dos 27 Estados membros da UE, actualmente participan no programa Erasmus+ os seguintes terceiros países: Islandia, Liechtenstein, Macedonia do Norte, Noruega, Serbia e Turquía. Tanto o Reino Unido como Suíza participarán no Erasmus+ a partir do 1 de xaneiro de 2027.

Máis información: Comisión Europea

Erasmus+

Documentos finais do Cumio UE-Reino Unido de 2025

Acuerdo de Comercio e Cooperación entre a UE e o Reino Unido

© European Union, 2016

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data