Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE »A Unión Europea e Mercosur chegan a un acordo tras 25 anos de negociacións
— Este acordo chega nun momento crítico para ambas as partes.
Bruxelas, 6 de decembro de 2024. A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, e os seus homólogos de catro países do Mercosur (o presidente brasileiro Lula, o presidente arxentino Milei, o presidente paraguaio Peña e o presidente uruguayo Lacalle Pou) remataron hoxe as negociacións para un innovador acordo de asociación entre a UE e o Mercosur.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, declarou: «O acordo é bo para todos e traerá importantes beneficios aos consumidores e ás empresas de ambas as partes. Buscamos a equidade e o beneficio mutuo. Escoitamos as preocupacións dos nosos agricultores e actuamos en consecuencia. Este acordo inclúe sólidas salvagardas para protexer os seus medios de vida. O Acordo entre a UE e o Mercosur é o maior acordo acadado nunca en canto á protección dos produtos alimentarios e as bebidas da UE. Máis de 350 produtos da UE están agora protexidos por unha indicación xeográfica. Ademais, as nosas normas sanitarias e alimentarias europeas seguen sendo intocables, e os exportadores do Mercosur terán que cumprilas estritamente para acceder ao mercado da UE. Esta é a realidade dun acordo que aforrará dereitos de exportación ás empresas da UE por un valor de 4 000 millóns EUR ao ano».
Este acordo chega nun momento crítico para ambas as partes, o que ofrece oportunidades de obter importantes beneficios mutuos a través do reforzo da cooperación xeopolítica, económica, de sustentabilidade e de seguridade.
- Impulsará o comercio estratéxico e os vínculos políticos entre socios con ideas afíns e confianza mutua.
- Apoiará o crecemento económico, impulsará a competitividade e reforzará a resiliencia de ambas as partes abrindo oportunidades comerciais e de investimento e garantindo que o acceso e a transformación das materias primas sexan sostibles.
- O acordo representa un fito importante na loita contra o cambio climático, con compromisos firmes, específicos e medibles para deter a deforestación.
- Considera os intereses de todos os europeos, e tamén do sector agrícola da UE, que é de vital importancia. Contribuirá a aumentar as exportacións agroalimentarias da UE e protexerá ao mesmo tempo os sectores sensibles.
- O acordo respecta as normas da UE en materia de saúde animal e seguridade alimentaria, evitando a entrada no noso mercado de produtos inseguros.
Un impulso para a competitividade e a seguridade económica da UE e do Mercosur
Segundo a Comisión, este histórico acordo:
- protexerá e diversificará as nosas cadeas de subministración;
- creará novas oportunidades para todo tipo de empresas, eliminando aranceis a miúdo prohibitivos sobre as exportacións da UE ao Mercosur;
- aforrará ás empresas da UE dereitos por valor de 4 000 millóns EUR ao ano;
- garantirá preferencias comerciais en sectores industriais estratéxicos de cero emisións netas, como as tecnoloxías de enerxías renovables e os combustibles hipocarbónicos;
- axudará ás pequenas e medianas empresas a exportar máis reducindo a burocracia;
- garantirá un fluxo eficiente, fiable e sostible de materias primas fundamentais para a transición ecolóxica mundial.
Un compromiso reforzado en materia de sustentabilidade
Este acordo eleva o nivel dos compromisos en materia de sustentabilidade entre a UE e o Mercosur mediante o seguinte:
- a consideración do Acordo de París como un elemento esencial da relación entre a UE e o Mercosur;
- compromisos concretos para deter a deforestación;
- compromisos claros e executables en materia de desenvolvemento sostible, incluíndo os dereitos laborais e a sustentabilidade na xestión e conservación dos bosques;
- un papel activo para as organizacións da sociedade civil á hora de avaliar a aplicación do acordo, tendo en conta as cuestións relacionadas cos dereitos humanos ou o medio ambiente.
Ademais, a UE apoiará con 1 800 millóns EUR a transición ecolóxica e dixital xusta nos países do Mercosur, como parte da Global Gateway.
Contexto
O acordo proposto entre a UE e o Mercosur consta dun pilar político e de cooperación, e un pilar comercial. O final das negociacións constitúe o primeiro paso no proceso cara á celebración do acordo. Os documentos oficiais publicaranse en liña nos próximos días.
Tras unha revisión xurídica definitiva por ambas as partes, o texto traducirase a todas as linguas oficiais da UE e, a continuación, presentarase ao Consello e ao Parlamento.
Fonte : Comisión Europea
Máis información