Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Política de Competencia »O Tribunal de Xustiza da UE avala a Decisión da Comisión Europea de multar a Irlanda polos beneficios fiscais concedidos a empresas tecnolóxicas
— O Tribunal de Xustiza da UE revoca o fallo do Tribunal Xeral que consideraba que a Decisión da Comisión sobre Irlanda non estaba debidamente motivada.
— Irlanda deberá recuperar 13 000 millóns de euros en impostos que ilegalmente lle foron condonados a Apple e outras empresas.
Bruxelas, 10 de setembro de 2024. O Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) publicou hoxe o seu fallo en relación ao caso que enfrontaba á Comisión Europea co Goberno de Irlanda en relación ás vantaxes fiscais que o país ofrecía a grandes empresas tecnolóxicas de forma contraria ao dereito europeo.
Entre 1991 en 2007, os tribunais irlandeses publicaron diferentes fallos a través dos cales se lles permitía a Apple Sales International (ASI) e Apple Operations Europe (AOE) evadir a declaración dos beneficios resultantes do uso de patentes da súa propiedade. Esta decisión estaba baseada, segundo os tribunais irlandeses, no feito de que a residencia legal da empresa matriz do grupo a través da cal se tomaban as decisións, Apple Group, estaba en Estados Unidos e, polo tanto, fóra da xurisdición irlandesa. Como resultado, estas dúas filiais podían levar a cabo as súas operacións no mercado único sen pagar unha considerable cantidade de impostos polos seus beneficios.
No ano 2016, a Comisión Europea considerou que, como resultado da aplicación destas sentenzas, Apple beneficiouse dunhas rebaixas fiscais por parte das autoridades irlandesas que lle resultaban extremadamente vantaxosas en comparación co réxime fiscal doutros estados membros. Así, estas medidas, a través das cales a Comisión calcula que Apple deixou de pagar 13 000 millóns de euros en impostos, foron consideradas como axudas de estado incompatibles co mercado único.
Oito anos despois de que a Comisión publicara unha Decisión pedindo a Irlanda que recuperara esta cantidade e reformase o seu sistema fiscal, o TXUE dálle a razón en contra das alegacións do goberno irlandés e dun primeiro fallo da sala de primeira instancia que consideraba esta decisión pouco fundada. Máis concretamente, o TXUE considera errada a posición desta primeira instancia na cal se daba a entender que na súa Decisión a Comisión non examinara correctamente as normas do sistema fiscal irlandés aplicables neste caso. Como resultado, o alto Tribunal europeo sinala que as normas fiscais aplicables ás filiais de Apple deberán ser as mesmas que á empresa matriz, e que polo tanto a Comisión fundou de forma correcta a súa posición.
Apple deixou de pagar a Irlanda 13 000 millóns de euros en impostos que foron considerados como axudas de estado incompatibles co mercado único.
A sentenza é firme, e deixa ao goberno irlandés e a Apple con pouca marxe de manobra para acatar a petición da Comisión. Ao mesmo tempo, a Vicepresidenta Executiva da Comisión e Comisaria de Competencia en funcións, Margrethe Vestager, celebrou esta sentenza indicando que supón unha vitoria para os cidadáns europeos e para a xustiza fiscal ao asegurar que os estados non fagan un uso contrario aos Tratados das súas competencias fiscais.
Contexto
Logo dalgunhas filtracións periodísticas en 2017, evidenciouse que algunhas grandes multinacionais como Amazon, Apple ou Starbucks estaban recibindo un trato fiscal especial por parte dalgúns Estados membros. Despois dunha Decisión da Comisión para acabar con esta situación, a primeira instancia do Tribunal de Xustiza da UE (coñecida como Tribunal Xeral) considerou en 2020 que no caso de Apple e Irlanda a Comisión non considerara de forma correcta as normas fiscais aplicables ao caso, anulando dita Decisión. Agora, a instancia superior do Tribunal dálle a razón á Comisión.
Máis información: Caso C-465/20 P Comisión c. Irlanda e outros