Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Competitividade »A Xunta avoga por unha transición gradual da industria da automoción europea
— O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participa en Navarra na conferencia anual da Alianza das Rexións con Industrias da Automoción (ARA).
— Galicia é unha das rexións fundadoras da ARA grazas ao traballo da Fundación Galicia Europa.
Pamplona, 9 de novembro de 2023. O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou hoxe en Navarra na conferencia anual da Alianza de Rexións con Industrias da Automoción (ARA), onde, partindo da base do respaldo á Unión Europea na defensa do medio ambiente, avogou por unha transición gradual da industria da automoción, e pola posta en marcha en paralelo de medidas en diferentes áreas de traballo, como un Fondo de transición xusta para rexións da automoción, e plans de reactivación e rexeneración sectorial, así como programas de formación para os traballadores.
Na súa intervención, Nicolás Vázquez amosou a súa confianza en que, coas propostas xurdidas no seo da Alianza que hoxe se reúne, se poderá colaborar e impulsar iniciativas que permitan manter o posicionamento da industria europea do automóbil a medio e longo prazo, cuxa actividade económica e xeración de emprego é vital para as rexións representadas.
As rexións españolas que forman parte de ARA son Andalucía, Castela e León, Cataluña, Navarra, País Vasco e Valencia, ademais de Galicia, unha das rexións fundadoras grazas ao traballo da Fundación Galicia Europa.
Neste sentido, lembrou que, a pesar das circunstancias derivadas dos problemas de provisionamento e do encarecemento de materias primas, o sector galego da automoción alcanzou no 2022 unha cifra de negocios de 11 500 millóns de euros, un 3% máis que no ano anterior.
Do mesmo xeito, o secretario xeral de Industria destacou o importante papel que xoga na competitividade do sector o Clúster de Automoción e Mobilidade de Galicia, que aglutina a 200 empresas con máis de 23 000 traballadores directos.
No encontro celebrado hoxe as rexións participantes comprometéronse coa denominada “Declaración de Navarra” sobre o futuro do sector. Tamén se asinou un acordo de traballo entre ARA, o Grupo Interrexional sobre o futuro do automóbil do Comité Europeo das Rexións (CoRAI) e a Alianza de capacidades do sector automobilístico (ASA). Este acordo busca garantir conxuntamente unha transición xusta e sustentable das rexións automobilísticas europeas .
Contexto
En Galicia, a industria do automóbil representa preto do 14% do seu PIB e emprega a máis de 23 000 persoas, o que se corresponde con case o 14% de todo o seu emprego industrial. A nivel Europeo, esta representa o 7% do PIB comunitario e emprega a máis de 14 millóns de traballadores, o que equivale a un 6,1% do emprego total da UE.
A importancia deste sector para a nosa rexión, xunto co momento de transformación que este está vivindo (terá que asumir grandes cambios nun período moi curto de tempo) motivan que a FGE forme parte de dous foros rexionais auspiciados polo Comité Europeo das Rexións (CdR), nos cales se impulsan todas aquelas iniciativas que fomentan unha transición xusta para as rexións automobilísticas europeas, en colaboración coas institucións europeas e outras partes interesadas. Fálase aquí do Grupo Interrexional sobre o futuro do automóbil (CoRAI), do que Galicia forma parte dende a súa creación no 2009, e da Alianza de Rexións con Industrias da Automoción (ARA), oficialmente lanzada en xuño de 2022.
ARA está formada por 34 rexións de sete Estados membros: Alemaña, Austria, Eslovaquia, España, Francia, Italia e República Checa. O seu obxectivo principal é impulsar un proceso similar ó que xa se levou a cabo coas rexións consideradas en transición pola UE (é dicir, aquelas rexións dependentes de determinados combustibles fósiles e rexións intensivas en carbono) para así acadar apoio financeiro para a transición do sector.
Como punto de partida, aprobouse a “Declaración para unha transición xusta, equitativa e satisfactoria”, un decálogo no que se expoñen reivindicacións vitais, como a capacitación de traballadores ou a creación dun mecanismo europeo que leve asociado un orzamento específico. Esta Declaración contou coas aportacións do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) grazas á mediación da FGE. Así mesmo, na primeira reunión política da Alianza, que tivo lugar en Leipzig en novembro de 2022, Galicia foi representada polo director xeral do IGAPE, quen recibiu apoio técnico da FGE.
Máis información: