Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Emprego e Asuntos Sociais »A transición climática transformará o mercado laboral da UE e esixirá reforzar a formación e a reciclaxe profesional
— A UE deberá formar ata 500.000 persoas ao ano para afrontar os cambios da transición ecolóxica
Bruxelas, 27 de marzo de 2026. Un novo estudo encargado pola Dirección Xeral de Acción polo Clima da Comisión Europea analiza o impacto da transición cara á neutralidade climática no mercado laboral, con especial atención ás competencias, profesións e efectos económicos.
O informe sinala que esta transformación implicará cambios profundos na economía, como o paso ás enerxías renovables, a modernización das redes eléctricas, a rehabilitación de edificios, a instalación de bombas de calor ou a expansión do vehículo eléctrico. Todo isto requirirá importantes investimentos e unha adaptación significativa das capacidades da forza laboral europea.
Segundo o estudo, entre agora e 2050 será necesario formar ou reciclar profesionalmente entre 150.000 e 500.000 persoas traballadoras cada ano na UE. A maior demanda de novas competencias estará ligada ao desenvolvemento do vehículo eléctrico e das enerxías eólica e solar, aínda que tamén haberá necesidades noutros ámbitos. En termos relativos, estas cifras representan menos do 1 % da poboación en idade de traballar.
Perfís profesionais máis demandados
A transición climática impulsará a demanda de profesionais altamente cualificados en xestión, servizos empresariais, tecnoloxías da información, ciencia e enxeñaría. Tamén se precisarán perfís de cualificación media, como electricistas ou operarios de maquinaria, así como traballadores na construción e na industria.
Custes e impacto económico
O custo estimado da formación e reciclaxe sitúase entre 350 millóns e 1.400 millóns de euros anuais. Estes custos recaerán principalmente nas empresas, aínda que o seu impacto económico global será limitado en comparación co conxunto dos salarios.
Retos e recomendacións
O estudo subliña a importancia de garantir que a formación sexa eficaz e responda ás necesidades reais do mercado laboral. Para iso, resulta clave reforzar a colaboración entre administracións, empresas e sistemas educativos, co fin de adaptar os programas formativos ás novas demandas, especialmente en competencias técnicas e dixitais.
Ademais, destaca que a participación na formación continua segue sendo baixa en sectores clave para a transición climática. Por iso, recoméndase impulsar políticas que fomenten a formación ao longo da vida, eliminen barreiras de acceso e incentiven tanto ás empresas como ás persoas traballadoras a investir na mellora das súas competencias.
Facilitar a mobilidade laboral entre sectores e garantir unha transición xusta serán factores determinantes para asegurar que o proceso sexa inclusivo, viable economicamente e socialmente equilibrado.
Máis información: Comisión Europea
© European Union, 2023