TAXA SOLIDARIA SOBRE OS BILLETES DE AVIÓN

A Comisión Europea publicou o 1 de setembro un documento de traballo que analiza o uso da taxa solidaria nos billetes de avión coma unha fonte adicional de financiamento do desenvolvemento a fin de acadar os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio. Esta iniciativa encádrase no compromiso adoptado no Consello Europeo de xuño de aumentar substancialmente o importe da axuda ó desenvolvemento e con vistas á Asemblea Xeral das Nacións Unidas que se reunirá a finais de setembro.


A idea da taxa solidaria consiste nunha contribución voluntaria de montante reducido (1 ou 2 euros) sobre cada billete de avión que seria destinada a aumentar o financiamento necesario para acadar os obxectivos establecidos en materia de axuda pública ó desenvolvemento. O carácter voluntario da contribución evitaría a creación dunha nova taxa á que se opoñen a maioría dos Estados membros.


O documento, solicitado polo Consello de Economía e Finanzas o pasado mes de xullo, contén dúas opcións que serán presentadas ós Estados membros para a súa consideración na próxima reunión informal dos días 9 e 10 de setembro.


o Un sistema voluntario-obrigatorio: os Estados membros poderían participar de forma voluntaria nun esquema internacional que introduza unha taxa obrigatoria para os pasaxeiros a nivel nacional.


o Un sistema voluntario-voluntario: os Estados membros poderían participar de forma voluntaria nun esquema internacional que introduza unha taxa voluntaria para os pasaxeiros a nivel nacional.  


En ámbolos dous casos sublíñase os beneficios dunha aproximación coordinada a nivel da Unión Europea, o que tería importantes vantaxes como facilitar a súa aplicación por parte dos operadores aéreos e os pasaxeiros e garantir o respecto as obrigas derivadas dos Tratados, reducindo os posibles efectos negativos da medida. . 


Segundo as estimacións da Comisión Europea, os ingresos xerados polas dúas opcións, sobre a base dunha participación dos 25 Estados membros, son moi similares: de 568 a 2.763 millóns de euros no sistema voluntario-obrigatorio e de 572 a 2.859 millóns de euros no sistema voluntario-voluntario.


Non obstante, o documento recorda que o dereito comunitario non impide ós Estados membros introducir de xeito unilateral unha taxa sobre os billetes de avión


En todo caso, cómpre salientar que o informe da Comisión Europea precisa que é un mero documento técnico e non representa a posición da Comisión Europea. Esta afirmación está directamente relacionada coas discrepancias que existen dentro da propia Comisión sobre a oportunidade da taxa solidaria (de feito este é o terceiro informe técnico que realizan os servicios da Comisión Europea sobre as posíbeis formas de aplicación da taxa solidaria sobre os billetes de avión), reflectida igualmente entre os Estados membros tal e como puxo de manifesto a falta de acordo no pasado Consello de Finanzas do 12 de xullo onde un grupo de Estados membros (fundamentalmente os máis periféricos ou os que teñen un destacado sector turístico) manifestaron a súa oposición ó novo mecanismo de financiamento .


Por outra parte, o documento recoñece que debido á falta de tempo non foi posible consultar ás partes afectadas (compañías aéreas, axencias de viaxes e organizacións de consumidores).


 



Ver notas informativas de 8 e 20 de xuño.