TAXA SOLIDARIA SOBRE OS BILLETES DE AVIÓN
O Consello de Economía e Finanzas discutiu o martes 7 de xuño a cuestión do financiamento adicional para axuda ó desenvolvemento por medio dunha taxa solidaria sobre os billetes de avión, tal e como se acordou na reunión informal de ministros de finanzas do pasado 14 de maio e se confirmou no Consello de Relacións Exteriores do día 24 de maio .
A idea da taxa solidaria consiste nunha contribución voluntaria de montante reducido (1 ou 2 euros) sobre cada billete de avión que seria adicada a aumenta-lo financiamento necesario para acada-los obxectivos establecidos en materia de axuda pública ó desenvolvemento. O carácter voluntario da contribución evitaría a creación dunha nova taxa á que se opoñen a maioría dos Estados membros.
Tras un longo debate, non obstante, os ministros non foron capaces de acadar ningún resultado concreto dada a reticencia dunha serie de Estados sobre a citada taxa solidaria. A iso contribuíu, sen dúbida, a ausencia do informe técnico que a Comisión Europea tiña que presentar ó Consello e que non fixo ó non ter chegado a un acordo no seu seo sobre o particular.
Efectivamente, a Comisión Europea non puido debater na súa última reunión do pasado 1 de xuño o documento elaborado polo comisario de Fiscalidade e Unión Alfandegueira, Laszlo Kovacs, verbo das posíbeis formas de aplicación da taxa solidaria debido á profunda división interna. Unha ducia de comisarios encabezados por Günter Verheugen, Meter Mandelson, Charlie McCrevy, Nelie Kroes, Jacques Barrot y Dalia Grybauskaité rexeitaron a iniciativa alegando dificultades para a súa posta en marcha así como considerando pouco oportuna a proposta no actual contexto de crise institucional. A favor da taxa manifestouse o comisario de Desenvolvemento, Louis Michel, quen defendeu esta contribución solidaria sempre e cando sexa de carácter voluntario.
Nesta situación, os ministros apoiáronse exclusivamente no informe elaborado polo Comité Económico e Financeiro do Consello Sen embargo, .a pesar de estima-lo Comité que unha contribución desta natureza sería fácil de aplicar sobre a base dunha taxa fixa para tódolos vos, os Estados membros no chegaron a ningún acordo.
Estas dificultades parecen deixar sen posibilidades esta proposta, aínda que certos Estados membros seguen a defendela convencidos do seu carácter non vinculante e o seu montante modesto. Deste parecer é a propia Presidencia luxemburguesa, que aposta por unha contribución voluntaria en tres niveis: para os pasaxeiros, que poderían decidir se queren ou non paga-la contribución; para as compañías aéreas, que poderían propor ou non ós seus clientes a contribución, e para os Estados membros que poderían decidir introducila ou non.
Novos obxectivos de Axuda Oficial ó Desenvolvemento.
Polo contra, os ministros de finanzas si que apoiaron o acordo acadado no Consello de Relacións Exteriores do 24 de maio sobre os novos obxectivos colectivos e individuais para lograr en 2015 o 0,7% da Renda Nacional Bruta (RNB) destinada ós países en vías de desenvolvemento.
Cómpre recordar que o novo obxectivo colectivo consiste en chegar ó 0,56% da RNB da Unión Europea en 2010, mentres que a nivel individual os Estados membros comprométense a eleva-la súa contribución ó 0,51% (0,17% para os novos Estados membros, cuxo obxectivo final para 2015 é acada-lo 0,33%).