Actualidade
Portada » Actualidade »
A FGE participa nun taller de emprendemento en zonas rurais da plataforma de aprendizaxe de Interreg
— Os socios do proxecto RuralYouthEurope estiveron entre os máis de 50 participantes do taller da Plataforma de Aprendizaxe de Políticas de Interreg celebrado en Burgos.
— Os asistentes compartiron boas prácticas para promover o emprendemento nas zonas rurais.
Burgos, 3 de xuño de 2024. A FGE participou xunto coa Universidade de Letonia e con socios do proxecto RuralYouthFuture nun taller sobre emprendemento xuvenil e intercambio de boas prácticas no medio rural. Enmarcado en Interreg Europe e organizado pola Plataforma de Aprendizaxe de Políticas deste programa financiado pola Comisión Europea, esta actividade tivo lugar os días 29 e 30 de maio na cidade de Burgos.
Baixo o nome “Emprendemento en zonas rurais en declive”, tivo como obxectivo xerar encontros interactivos que proporcionen oportunidades para reflexionar conxuntamente sobre os métodos eficaces para promover o espírito empresarial nas zonas rurais. As exposicións reflexionaron sobre o potencial transformador do emprendemento e sobre como as políticas poden axudar a que as iniciativas individuais xeren negocios e empregos sólidos.
Afrontando os desafíos do emprendemento no rural
Na primeira xornada, a do día 29 de maio, máis de 50 participantes gozaron dun ciclo de conferencias formativas a cargo de relatores expertos sobre perspectivas acerca dos desafíos que aparecen nos diferentes niveis de gobernanza.
O encontro dividiuse en catro sesións temáticas: “Visións e obxectivos para Emprendemento Zonas Rurais para 2024, “Mocidade e emprendemento en zonas rurais”, “A muller e o emprendemento” e “Oportunidades dixitais para o emprendemento rural”. Nesta última sesión interveu Gustavs M. Upmanis, un dos fundadores de dúas plataformas dentro de GoRemote, que explicou as boas prácticas desta iniciativa.
A aplicación GoRemote presentouse como unha acción innovadora e eficaz na visita de estudo a Letonia do proxecto RuralYouthFuture, ideada co obxectivo de facilitar a procura de teletraballo, especialmente no rural, onde hai máis dificultades para desprazarse aos postos presenciais. Esta plataforma xa obtivo resultados e conta cunha páxina web coa que promove oportunidades en distintos países, aínda que enmarcadas principalmente en Letonia.
As charlas da segunda xornada, tamén centradas no intercambio de boas prácticas e aprendizaxe en distintos ámbitos, centráronse na mobilidade colaborativa e en temas como o coworking e o coliving nas áreas rurais. Recolléronse as achegas dos participantes e dos grupos conformados.
Contexto
RuralYouthFuture é unha iniciativa europea dedicada a mellorar a eficacia das políticas de emprego xuvenil para o desenvolvemento rural sostible. Este ambicioso empeño une a entidades municipais, rexionais e nacionais ao redor dun obxectivo común: atender as necesidades singulares dos mozos nos territorios rurais. Mediante a redución das desigualdades cos seus coetáneos urbanos e a loita contra o envellecemento e o despoboamento, RuralYouthFuture pretende forxar un futuro mellor.
Enfócase en seis instrumentos políticos a escala municipal, rexional e nacional para facer fronte ao reto común de responder as necesidades da mocidade nos territorios rurais, os cales están a experimentar un crecente descenso da poboación. Contará coa participación de distintos socios de sete países europeos: España, Bulgaria, Eslovenia, Lituania, Portugal, Estonia e Bélxica. O proxecto conta cun financiamento de 1,6 millóns de euros, cofinanciado con fondos FEDER.
Máis información: RuralYouthEurope