Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Mobilidade »A UE amplía aos vehículos comerciais lixeiros o uso obrigatorio do tacógrafo dixital intelixente
— As novas regras aplícanse desde o 1 de xullo aos vehículos de máis de 2,5 e ata 3,5 toneladas que realizan transporte internacional de mercadorías ou cabotaxe
Bruxelas, 25 de agosto de 2026. Desde o pasado 1 de xullo, os vehículos comerciais lixeiros cunha masa máxima autorizada superior a 2,5 e de ata 3,5 toneladas deben contar cun tacógrafo intelixente de segunda xeración cando se empreguen para o transporte internacional de mercadorías ou para operacións de cabotaxe por conta allea ou a cambio dunha remuneración.
A medida forma parte do Paquete de Mobilidade I da Unión Europea e amplía a estes vehículos as normas comunitarias sobre os tempos de condución, as pausas e os períodos de descanso. Tamén se lles aplican as disposicións correspondentes sobre o desprazamento de condutores.
A extensión destas obrigas busca mellorar as condicións laborais das persoas condutoras, reducir os riscos derivados da fatiga, reforzar a seguridade viaria e garantir unha competencia máis xusta entre as empresas de transporte por estrada.
Rexistro da actividade dos condutores
O tacógrafo dixital é o dispositivo que rexistra os tempos de condución, as pausas e os períodos de descanso, así como os períodos dedicados a outros traballos ou nos que o condutor permanece dispoñible.
O tacógrafo intelixente é a evolución do tacógrafo dixital tradicional. Ademais de rexistrar a actividade dos condutores, a súa segunda xeración, coñecida como G2V2, incorpora funcións como a localización mediante sistemas de navegación por satélite, o rexistro automático dos pasos fronteirizos e das operacións de carga e descarga, así como unha maior protección fronte ás manipulacións.
Antes de iniciar a condución, cada profesional debe introducir no dispositivo a súa tarxeta persoal, que incorpora un microchip. Esta tarxeta almacena a actividade do condutor durante un mínimo de 56 días e permite que as autoridades de inspección accedan á información durante os controis.
O dispositivo tamén pode transmitir determinados datos a distancia, o que permite ás autoridades identificar os vehículos que deben ser inspeccionados con maior detalle. Esta información facilita o control do cumprimento das normas sobre os tempos de condución e descanso, o desprazamento de condutores e as operacións de cabotaxe.
Nova fase da implantación europea
A incorporación dos vehículos comerciais lixeiros constitúe unha nova fase na implantación do tacógrafo intelixente de segunda xeración. Desde agosto de 2025, todos os vehículos pesados matriculados na UE que realizan transporte noutros Estados membros distintos do país de matriculación deben estar equipados con este dispositivo.
A nova obriga non afecta aos vehículos utilizados exclusivamente para o transporte nacional. A Autoridade Laboral Europea ofrece información práctica para que as empresas e os condutores comproben se as novas normas se aplican á súa actividade.
Máis información:
Novas regras para os vehículos comerciais lixeiros
Información da Comisión Europea sobre o tacógrafo
© Pexels | Luke Miller