Actualidade
Portada » Actualidade » Análise FGE da actualidade comunitaria »
STEP: o financiamento europeo de políticas estratéxicas
Na actualidade, a industria europea vese “ameazada por unha elevada inflación, a falta de man de obra, as perturbacións da cadea de subministración tras a COVID-19, a guerra en Ucraína, os tipos de interese cada vez máis altos, os custos da enerxía e os prezos dos insumos”, o que afecta á competitividade da industria europea e pon de manifesto a importancia que ten para a UE o garantir a súa autonomía estratéxica aberta e reducir a súa dependencia de terceiros países en varios sectores.
Todo isto, unido ó feito de querer acelerar as transicións ecolóxica e dixital da UE, motivou que en xuño 2023 a Comisión Europea propuxese a creación da Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa (STEP), un instrumento que ten como obxectivo potenciar e facilitar a posta en marcha de proxectos de innovación tecnolóxica que permitan deseñar e fabricar tecnoloxías críticas, salvagardar e fortalecer as cadeas de valor destas tecnoloxías, e abordar a escaseza de man de obra nestes sectores dentro da Unión. O regulamento STEP foi finalmente adoptado polo Consello e o Parlamento Europeo en febreiro de 2024.
Neste contexto, Mario Draghi, antigo presidente do Banco Central Europeo, xa subliñou na súa análise sobre o futuro da competitividade europea, publicada en setembro de 2024, a necesidade de acelerar e mellorar a capacidade produtiva e innovativa de Europa en sectores tecnolóxicos tradicionais e do futuro a través dunha nova política industrial que, sen embargo, non esqueza a cohesión entre territorios. É neste sentido que STEP se perfila como unha ferramenta de apoio á innovación e ao desenvolvemento económico da Unión Europea.