Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Participación Xuvenil »O proxecto ‘RuralYouthFuture’ reúne a diversos actores galegos para poñer en común boas prácticas de desenvolvemento rural
— Este espazo de diálogo entre stakeholders reuniu a 17 representantes de diferentes departamentos da Xunta e de outras entidades galegas.
— No marco do RuralYouthFuture, proxecto europeo liderado pola Fundación Galicia Europa, os asistentes debateron sobre como facilitar apoios á xuventude rural.
Santiago de Compostela, 28 de febrero de 2024. O día 26 de febreiro Santiago de Compostela acolleu unha reunión entre os stakeholders galegos do proxecto europeo RuralYouthFuture. Durante o encontro, os participantes tiveron a oportunidade de compartir os diferentes programas e as iniciativas de boas prácticas existentes que facilitan apoios á xuventude rural, así como reflexionar sobre propostas futuras.
Ademais da Fundación Galicia Europa, líder do proxecto, na reunión participaron outros departamentos da Xunta de Galicia: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado (socia do proxecto); a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE; a Dirección xeral de Política de Cohesión e Fondos Europeos; a Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social; a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica; Agader e Gain.
Tamén asistiron representantes da Universidade de Vigo, da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense, da Federación de Centros Xuvenís Don Bosco de Galicia, da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e da Asociación Amicos.
Intercambio de boas prácticas entre actores galegos
Un dos principais obxectivos da reunión desta semana foi a exposición, por parte dos actores galegos participantes, das súas boas prácticas e propostas para fortalecer o desenvolvemento rural en Galicia. Entre elas inclúense, entre otras, iniciativas como a mobilización de vivendas na contorna rural, as aldeas modelo, a expansión de programas universitarios ao ámbito rural ou o impulso aos Polos de Emprendemento.
Durante o encontro tamén houbo un espazo no que poñer en común os avances na documentación relativa ao estado da disciplina (state of art).
Viaxe de estudo a Letonia
Por outra banda, este espazo de diálogo en torno ao RuralYouthFuture serviu para compartir as boas prácticas observadas na viaxe de estudo a Letonia, que tivo lugar entre os días 3 e 5 de outubro de 2023. Organizada polos socios do proxecto deste país, reuniu a diversas entidades e organizacións fundamentais no ámbito do desenvolvemento rural e a mocidade.
A viaxe constituíu unha oportunidade para recadar información sobre as boas prácticas dos socios letóns, así como valorar como estas poden ser adaptadas e aplicadas no contexto galego. Entre as iniciativas coñecidas in situ destacan os programas Go Remote e Countryside Will Be, enfocados a temas como o emprendemento rural, as oportunidades de emprego e a educación innovadora.
Cómpre salientar que o proxecto RuralYouthFuture xa comezou a dar resultados e a crear oportunidades para os stakeholders. Por exemplo, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela vén de presentar un proxecto cos creadores da plataforma GoRemote e con outras entidades galegas, ademais de colaborar na preparación doutro proxecto tamén con entidades letonas.
Rural Youth Future
RuralYouthFuture é un proxecto europeo centrado en seis instrumentos políticos a nivel municipal, rexional e nacional para afrontar o reto común de dar resposta ás necesidades da mocidade dos territorios rurais, que están a experimentar un crecente descenso poboacional.
Conta coa participación de diferentes socios de sete países europeos: España, Bulgaria, Eslovenia, Lituania, Portugal, Estonia e Bélxica. O proxecto conta cun financiamento de 1,6 millóns de euros, ao abeiro do programa Interreg Europe, cofinanciado con fondos FEDER.
Máis información: InterregEurope; RuralYouthFuture; Xunta de Galicia
