Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Economía e Finanzas »Semestre Europeo 2026: recomendacións para reforzar a competitividade e a cohesión social
— A Comisión Europea presenta as recomendacións económicas e sociais para os Estados membros e propón medidas para reforzar a competitividade, a resiliencia e a cohesión da UE, incluídas novas orientacións para España
Bruxelas, 3 de xuño de 2026. A Comisión Europea adoptou o paquete de primavera do Semestre Europeo de 2026, que establece as orientacións políticas para os Estados membros nun contexto marcado pola incerteza xeopolítica. O documento aposta por reforzar a competitividade, a autonomía estratéxica, a resiliencia económica e social e a cohesión da Unión Europea, mantendo ao mesmo tempo a sustentabilidade das finanzas públicas.
O ciclo de 2026 proporciona un marco de análise para identificar as futuras necesidades en materia de políticas e investimentos, incluídas as destinadas a reducir as disparidades económicas, sociais e territoriais. Neste contexto, o informe específico sobre España avalía a evolución económica e social do país e o grao de aplicación das recomendacións formuladas polo Consello en 2025.
A partir desta análise, a Comisión propón novas recomendacións específicas para España. Entre elas figuran ampliar o parque de vivenda, especialmente a vivenda social e accesible; impulsar a produtividade e a innovación mediante a redución das cargas administrativas e da fragmentación normativa; reforzar a sustentabilidade orzamentaria e aumentar a eficiencia do gasto, mantendo o investimento en defensa; e mellorar o funcionamento do sistema xudicial mediante unha maior dotación de persoal e a dixitalización.
En materia de transición ecolóxica, a Comisión recomenda reforzar a coordinación entre administracións para aumentar a resiliencia fronte ao cambio climático, investir en almacenamento de enerxía, interconexións eléctricas e tecnoloxías de aforro de auga, así como acelerar a descarbonización da industria e a electrificación do transporte.
No ámbito social, insta a combater a pobreza infantil, reducir o abandono escolar temperán, mellorar as competencias da poboación, diminuír as desigualdades territoriais no acceso a oportunidades e servizos e reforzar a atención primaria e os coidados de longa duración. Ademais, pide garantir a continuidade das reformas e investimentos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e acelerar a execución dos programas da política de cohesión.
O paquete inclúe tamén a avaliación do cumprimento das regras fiscais da UE no marco do Pacto de Estabilidade e Crecemento. Neste sentido, a Comisión propón ampliar a flexibilidade orzamentaria para os Estados membros que invistan en seguridade enerxética e na redución da dependencia dos combustibles fósiles importados, mantendo as salvagardas que garantan a sustentabilidade das finanzas públicas.
A Comisión invita agora o Eurogrupo e o Consello a debater o paquete e aprobar as orientacións presentadas, antes de continuar o diálogo co Parlamento Europeo nas seguintes fases do Semestre Europeo.
Máis información: Comisión Europea
Preguntas e respostas sobre o paquete de primavera de 2026 do Semestre Europeo
Paquete de primavera do Semestre Europeo de 2026 — Documentos
Previsións económicas de primavera de 2026
Páxinas por país — Economía e Finanzas — Comisión Europea
© European Union, 2026