Actualidade
Portada » Actualidade »
A Semana Europea das Rexións e Cidades quece motores
— Baixo o lema ‘Capacitar ás rexións’, terá lugar do 7 ao 11 en Bruxelas.
— En outubro, máis de 10.000 persoas participarán nun amplo programa de arredor de 200 conferencias, exposicións e actos sociais relacionados co desenvolvemento rexional e local.
Bruxelas, 2 de setembro de 2024. A pouco máis dun mes para a celebración da Semana Europea das Rexións e Cidades (#EURegionsWeek), a Fundación Galicia Europa anima aos axentes galegos a participar do 7 ao 11 de outubro no maior evento anual con sede en Bruxelas dedicado á política de cohesión.
Máis de 10.000 persoas participarán nun amplo programa de arredor de 200 conferencias, exposicións e actos sociais relacionados co desenvolvemento rexional e local.
Nesta vixésima edición, a #EURegionsWeek levará por lema ‘Capacitar ás rexións’ e centrarase en catro temas principais:
- Competitividade e converxencia: dúas caras da mesma moeda.
- Rexións que reforzan a democracia europea.
- Crecemento intelixente e sostible para as rexións.
- Rexións que conseguen talento
Este evento é un dos máis importantes do ano en Bruxelas para os socios rexionais e locais ata converterse nunha plataforma única de comunicación e creación de redes, que reúne a rexións e cidades de toda Europa, incluídos políticos, administradores, expertos e académicos.
Galicia estará presente un ano máis no principal evento dedicado á política de cohesión
O sitio web da Semana Europea das Rexións e Cidades ofrece toda a información sobre os actos previstos e o formulario de inscrición. O evento está afianzado como unha plataforma única de comunicación que atrae representantes políticos, funcionarios, expertos e académicos de toda a Unión Europea. Durante os últimos anos contribuíu de modo decisivo ao intercambio de experiencias e coñecementos entre rexións, municipios e institucións comunitarias.
A Semana Europea das Rexións e Cidades
A Semana Europea das Rexións e Cidades (#EURegionsWeek) é o principal evento anual dedicado á política rexional. Durante este evento anual de catro días, as cidades e rexións mostran a súa capacidade para xerar crecemento e emprego, aplicar a política de cohesión da Unión Europea e demostrar a importancia do nivel local e rexional para a boa gobernanza europea. A participación neste evento é gratuíta.
Desde a súa primeira edición en 2003, este evento creceu ata converterse nunha plataforma única de comunicación e traballo en rede onde rexións e cidades de toda Europa se reúnen a través dos seus respectivos representantes políticos, funcionarios, expertos e académicos. A Semana Europea das Rexións e Cidades fixo moito para promover o uso por parte das rexións e cidades dos fondos da UE para mellorar a vida cotiá dos cidadáns.
Máis información: Inscrición e programa