Santiago de Compostela, 29 de abril de 2010. “Mentres en Compostela haxa un peregrino o espírito de Europa estará vivo”. Son as palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen onte á tarde recibiu aos membros da Comisión de Cultura e Educación do Parlamento Europeo, a quen lle expresou o agradecemento en nome do pobo galego, dos conselleiros de Educación e Cultura e no seu propio pola súa presenza en Galicia e polo respaldo que a Eurocámara lle brindou ao Xacobeo 2010. 


“Estou convencido de que non é casual que Europa estea simbolizada por un Camiño e que sexan peregrinos os seus pioneiros”, engadiu o presidente da Xunta lembrando que os primeiros europeos foron peregrinos que chegaron a Compostela desde os confíns do continente e que volveron ao seu fogar “sentindo que compartían valores e inquedanzas cos pobos veciños. Sabían que, por máis que Europa era aínda unha quimera, eles puideron vivila en Compostela”, asegurou.


“Máis ca nunca, sigue vixente aquel fantástico descubrimento que os camiñantes fixeron achegándose a Compostela”, dixo Feijóo subliñando que “as identidades, as culturas e as linguas se complementan e xuntas compoñen o gran mosaico da civilización”.


Segundo a mitoloxía, Europa foi raptada por deuses que envexaban a súa beleza, lembrou o presidente galego sinalando que “o Camiño de Santiago rescátaa para convertela nunha realidade que moldea a nosa maneira de ser e a nosa forma de entender o mundo. Quizá por ter sufrido ese primeiro rapto –explicou-, o europeísmo que xurde cos peregrinos xacobeos é libre, tolerante, aberto e audaz. Tal vez por iso -agregou-, a Europa de hoxe pode ser unha unidade diversa que non afoga senón que estimula a personalidade de todas as terras que a compoñen”.