Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Galicia na UE » Cohesión » Santiago acolle o acto anual de cooperación territorial Interreg

Santiago acolle o acto anual de cooperación territorial Interreg

27/10/2023 |

— Enmarcado na Presidencia española, o acto contou coa presencia do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, da comisaria europea de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, e da ministra de Facenda e de Función Pública en funcións, María Jesús Montero. 

— Durante o encontro, salientouse o impacto decisivo dos fondos europeos para a diversificación da economía galega. 

Santiago, 27 de novembro de 2023. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou o importante impacto dos fondos europeos para a diversificación da economía de Galicia, á vez que valorou que o Goberno galego “os soubo empregar axeitadamente”. Fíxoo na súa intervención na xornada Interreg Anual Event, que se celebrou onte na Cidade da Cultura de Santiago e que contou coa presencia da comisaria europea de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, e da ministra de Facenda e de Función Pública en funcións, María Jesús Montero. 

Durante o evento, púxose de relevo que Galicia converteuse na rexión que máis creceu en termos de PIB per cápita en toda España, un 3,2 % de media anual entre 2000 e 2021. O mandatario galego tamén fixo referencia a que a comunidade galega recibiu un total de máis de 32.000 millóns de euros de axudas comunitarias dende 1986 ata finais desta década, un inversión que supuxo melloras en educación, saúde e servizos públicos, entre os que destacou a súa contribución á modernización das infraestruturas “esenciais e de gran nivel” de Galicia.

Así mesmo, o presidente da Xunta tamén defendeu a importancia da cooperación entre territorios para acadar obxectivos culturais, educativos, tecnolóxicos e de seguridade. Neste ámbito, destacou especialmente a importancia da cooperación transfronteiriza co norte de Portugal como oportunidade de desenvolvemento para Galicia.

Cooperación con Portugal: Obxectivo estratéxico

Interreg acto anual en Santiago

Para o mandatario galego os datos demostran que os fondos euros teñen sido “decisivos“ para a Galicia actual e para seguir cumprindo con obxectivos “estratéxicos”. Precisamente, entre eles, situou o de seguir mantendo a “cooperación estreita” con Portugal. “Somos 6,5 millóns de habitantes que compartimos moitísimos obxectivos comúns”, argumentou.

Rueda valorou a comunicación “fluída e continua” entre Galicia e o norte deste país desde a desaparición das fronteiras en Europa, en fixo especial mención á importancia dos intercambios existentes entre ambas rexións no eido turístico, cultural e tamén económico. Neste senso, definiu a fronteira entre Galicia e o norte de Portugal como a “máis permeable”, en referencia ao importante número de persoas que cruzan todos os días para traballar nun lado e vivir noutro ou o feito de que haxa empresas portuguesas instaladas na nosa comunidade, e viceversa.

Por este motivo, puxo en valor o feito de que Galicia e o norte de Portugal foron as primeiras en construír unha Comunidade de Traballo en conxunto e foron pioneiras en poñer en marcha unha Eurorrexión, “a máis antiga de Europa”, enxalzou, á vez que salientou os “moitos froitos e pasos cara a adiante” dados grazas ao impulso deste organismo.

Na súa intervención, o presidente da Xunta fixo mención á “aposta decidida” do Goberno luso por comunicar Portugal con Europa a través do tren de alta velocidade e a través da fronteira norte. Un feito que considerou “importantísimo” para Galicia. Neste senso, asegurou que o Goberno galego, xunto co de España, “aproveitará esta oportunidade”.

Programa Operativo

Finalmente, Rueda salientou os proxectos relevantes para Galicia e Norte de Portugal que teñen sido posibles grazas aos fondos do último Programa Operativo e avanzou que o Goberno galego intentará na nova edición 2021-2027 acadar captar “unha parte moi importante” destas partidas para novas iniciativas, que considerou necesarias para ambas rexións.

Para concluír, o mandatario galego defendeu que tanto os fondos europeos como a cooperación entre Galicia e norte de Portugal están a demostrar que serven para desenvolvemento de programas dirixidos á creación de emprego, á innovación, á dixitalización, á transición ecolóxica, á protección da biodiversidade, ao reto demográfico, á competitividade das pemes e tamén para contar con capacidade de reacción ante situacións de crise. “E desde Galicia seguiremos aproveitando estas oportunidades”, asegurou.

Máis información: Xunta de Galicia

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data