Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Actividades FGE »RuralYouthFuture leva aos seus socios a coñecer as boas prácticas do medio rural portugués
— Durante a visita, analizáronse iniciativas, como os laboratorios vivos para a agricultura ou o uso da ciencia como ferramenta para crear oportunidades no interior do país.
Santiago, 7 de maio de 2025.- No marco do proxecto europeo “RuralYouthFuture“, a Dirección Rexional Norte do Instituto Portugués do Deporte e Xuventude (IPDJ) organizou, a finais do mes de abril, unha visita de estudo na que participaron entidades socias e diversos actores locais vencellados ao desenvolvemento xuvenil en zonas rurais.
A inauguración oficial tivo lugar no auditorio da Área Metropolitana do Porto, onde se debateron temas clave como a estratexia metropolitana para a xuventude, o laboratorio de innovación en políticas xuvenís e o turismo rural como ferramenta de desenvolvemento económico e de emprego xuvenil.
“A xuventude e o futuro dos territorios rurais”
“A xuventude e o futuro dos territorios rurais” foi unha das sesións máis destacadas da visita. Celebrada na Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, a sesión abordou varios estudos de caso, como Rural Move ou o Laboratorio vivo para a agricultura, e tratou temáticas como o emprendemento xuvenil, o empoderamento dos territorios a través da agricultura, a axenda nacional de xuventude, as políticas sociais ou as estratexias para atraer e reter mozos nas zonas rurais.
O principal obxectivo da visita consistiu en promover o intercambio de coñecementos e experiencias entre os socios do proxecto, con roles clave na posta en marcha de políticas públicas relacionadas coa educación, o emprego, o emprendemento e a inclusión xuvenil no ámbito rural. Por iso, contou coa participación de representantes de España, Bulgaria, Serbia, Letonia, Eslovenia, Estonia e Bélxica, quen compartiron boas prácticas, desafíos e solucións para impulsar o benestar e a integración da mocidade nos territorios rurais.
As xornadas incluíron tamén visitas a diversas asociacións e entidades recoñecidas polo seu traballo no ámbito xuvenil, como a Casa da Xuventude de Amarante e o Centro Interpretativo da Muller Douro, en Armamar. Neste último, o Concello de Armamar, o Agrupamento de Escolas Gomes Teixeira e a asociación ARMA-SCI amosaron como a ciencia pode contribuír ao deseño de políticas públicas eficaces e á xeración de oportunidades laborais no interior do país.
Sobre RuralYouthFuture
O proxecto RuralYouthFuture ten como obxectivo impulsar o emprego xuvenil e garantir postos de traballo accesibles e de calidade para a mocidade das zonas rurais. Para iso, céntrase en seis instrumentos políticos a nivel municipal, rexional e nacional, co propósito de afrontar o reto común de dar resposta ás necesidades da xuventude nos territorios rurais afectados polo descenso poboacional. O proxecto conta coa participación de socios de oito países europeos: España, Bulgaria, Eslovenia, Lituania, Portugal, Estonia, Bélxica e Serbia.
Cun financiamento de 1,9 millóns de euros, o proxecto desenvólvese no marco do Programa Interreg Europa, cofinanciado con fondos FEDER.
Consulta aquí as novas relacionadas co proxecto.

© Fundación Galicia Europa, 2025.