• Un grupo de máis de 30 eurodeputados desprazarase á capital galega do 28 ao 30 de abril con motivo do Ano Xacobeo 2010

Bruxelas, 7 de abril 2010. O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, mantivo hoxe un encontro con distintos deputados españois no Parlamento Europeo, cos que ultimou os detalles da visita que os membros da Comisión de Cultura da Eurocámara farán a Galicia do 28 ao 30 de abril, concretamente a Santiago de Compostela.


Rueda aproveitou a reunión con Francisco Millán Mon, membro suplente da citada Comisión de Cultura, para agradecerlle o seu traballo e a súa iniciativa a prol de lograr que Santiago de Compostela acolla a visita do órgano, aproveitando a celebración do Ano Xacobeo, un acontecemento de extraordinaria relevancia para a capital galega e para toda a Comunidade Autónoma en xeral.


A Comisión de Cultura do Parlamento Europeo, presidida pola eurodeputada alemá Doris Pack e composta por máis de 30 eurodeputados, visita anualmente as capitais europeas da cultura –este ano Essen (Alemaña) , Pecs (Hungría) e Estambul (Turquía)-, así como unha cidade do país que ostenta a Presidencia europea, neste caso España. Nesta ocasión, optouse por Santiago de Compostela, onde ademais de actividades culturais, na visita terá lugar un debate e un encontro con responsables políticos galegos.


Neste mesmo ámbito cultural e relacionado co Xacobeo 2010, o conselleiro de Presidencia tamén destacou a importancia de que se aprobase un intergrupo Camiños de Santiago no Parlamento europeo, que promoverá as distintas rutas xacobeas baixo a presidencia e o impulso do eurodeputado galego Francisco Millán Mon, ao que Rueda tamén agradeceu o seu esforzo para que a UE habilitase unha partida de 1,8 millóns de euros para xestionar a SA Xacobeo e que esta sirva para promocionar o Ano Santo por toda Europa.