Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Economía e finanzas » Marco financeiro plurianual: a UE acorda aumentar o orzamento para apoiar a Ucraína e impulsar a súa competitividade

Marco financeiro plurianual: a UE acorda aumentar o orzamento para apoiar a Ucraína e impulsar a súa competitividade

09/02/2024 |

— Alcanzado o acordo provisional entre os colexisladores, concluiron as negociacións sobre a revisión inermedia do orzamento a longo prazo da Unión Europea.

— A revisión do marco financeiro plurianual deu luz verde ao Mecanismo para Ucraína e á Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa.

Bruxelas, 9 de febreiro de 2024. O Parlamento Europeo e o Consello alcanzaron un acordo provisional sobre a revisión do marco financeiro plurianual (MFP) para o período 2021-2027 e a posta en marcha da Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa (STEP). Unha vez adoptado, o orzamento revisado permitirá á Unión seguir ofrecendo resultados en relación coas prioridades comúns e abordar os retos aos que se enfronta Europa, en beneficio dos cidadáns europeos e de terceiros países.

En particular, a revisión do MFP permitirá conceder un paquete de axuda plurianual por valor de 50 000 millóns de euros a Ucraína. Tamén achegará recursos adicionais para facer fronte aos retos da migración e axudar aos socios dos Balcáns Occidentais, os países veciños meridionais e outras rexións. Grazas á revisión, o orzamento da UE estará mellor equipado para prestar asistencia aos Estados membro afectados por catástrofes naturais e aos países que sufran crises humanitarias.

Ademais, crearase a plataforma STEP para soster as industrias fundamentais e as tecnoloxías críticas na UE a fin de reforzar a competitividade e a soberanía europeas, cun efecto estimado no investimento de ata 50 000 millóns de euros en toda a UE. STEP mancomunará os recursos dos programas de financiamento da UE existentes, por exemplo, os fondos da política de cohesión e o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR), e fomentará as sinerxías entre eles.

Con estes acordos, e tras o acordo provisional alcanzado o luns sobre o Mecanismo para Ucraína, déronse por concluidas as negociacións sobre a revisión intermedia do orzamento a longo prazo da UE.

Elementos fundamentais da revisión do marco financeiro plurianual (MFP) 2021-2027

O acordo provisional sobre a revisión do Regulamento MFP fará posible as seguintes accións:

  • Creación da Reserva para Ucraína para axudar a este país con subvencións por valor de ata 17 000 millóns de euros, que se complementarán cunha cobertura orzamentaria para préstamos de ata 33 000 millóns de euros. Mediante o Mecanismo para Ucraína, por un valor total de 50 000 millóns de euros durante o período 2024-2027, atenderanse as necesidades inmediatas, a recuperación e a modernización de Ucraína.
  • Un reforzo para os desafíos de migración e exteriores por valor de 9 600 millóns de euros que mellorará as dimensións interior e exterior da migración e axudará aos socios dos Balcáns Occidentais, a veciñanza meridional e outras rexións.
  • Resposta máis firme ante imprevistos: o orzamento da UE serviu para facer fronte a crises repetidas desde 2021. Para que poida seguir respondendo a circunstancias imprevistas, o Instrumento de Flexibilidade reforzarase con 2 000 millóns de euros.
  • A Reserva de Solidariedade e para Axudas de Emerxencia refórzase con 1,5 millóns de euros para dotar ao orzamento da UE da capacidade suficiente para reaccionar con rapidez ante as crises humanitarias e axudar aos Estados membro afectados por catástrofes naturais.
  • Creación dun novo instrumento a fin de ofrecer unha solución sostible para o financiamento dos custos relacionados con NextGenerationEU.
  • Reforzo da soberanía e a competitividade: a Plataforma de Tecnoloxías Estratéxicas para Europa (STEP) promoverá a competitividade a longo prazo da UE en tecnoloxías críticas, nos ámbitos da tecnoloxía dixital e profunda, a tecnoloxía limpa e a biotecnoloxía, con novas flexibilidades e incentivos para o financiamento da cohesión e o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, e un complemento de 1 500 millóns de euros para o Fondo Europeo de Defensa.

Para reducir a incidencia da revisión do MFP nos orzamentos nacionais, o Parlamento Europeo e o Consello acordaron axustes dentro do orzamento da UE. Estes combinaranse con medidas para minimizar os efectos na execución dos programas da UE. Por exemplo, haberá a posibilidade de reutilizar anteriores liberacións de créditos para Horizonte Europa e dun axuste anual equilibrado do programa EU4Health.

A Comisión vaise esforzar agora para proceder a estas reatribucións da mellor maneira posible, velando por que todos os fondos teñan o máximo valor engadido, tanto en Europa como fóra dela, para os cidadáns, as empresas e as rexións. Presentará un orzamento rectificativo para 2024 co fin de aplicar o MFP revisado e actualizar a súa programación financeira ata 2027 ao seu debido tempo.

Mecanismo para Ucraína

O día 6 de febreiro, o Consello e o Parlamento alcanzaron un acordo provisional sobre a creación dun novo instrumento único específico para apoiar a recuperación, a reconstrución e a modernización de Ucraína, apoiando ao mesmo tempo os seus esforzos por levar a cabo reformas no marco da súa senda de adhesión á UE. O Mecanismo para Ucraína dispoñerá dun orzamento total de 50 000 millóns de euros.

A través del, agruparase o apoio orzamentario da UE a Ucraína nun único instrumento, proporcionando un respaldo coherente, predicible e flexible para o período 2024-2027, adaptado aos retos sen precedentes que expón apoiar a un país en guerra.

Contexto

Desde a adopción do orzamento a longo prazo da UE para o período 2021-2027, en 2020, a UE enfrontouse a unha serie de retos inesperados e sen precedentes derivados da brutal invasión de Ucraína por parte de Rusia e as súas consecuencias, tales como un repunte da migración tras a pandemia e a aceleración da inflación e os tipos de interés. O orzamento da UE serviu para impulsar a resposta da UE, pero facer fronte a estes múltiples retos levou os seus recursos ata o límite, minguando a súa capacidade de afrontar sequera os problemas máis urxentes.

Para garantir que o orzamento da UE poida seguir cumprindo os obxectivos máis esenciais, a Comisión Europea propuxo en xuño de 2023 reforzar o orzamento a longo prazo da UE. O 1 de febreiro de 2024, os dirixentes da UE confirmaron todas as prioridades da proposta da Comisión e acordaron, por primeira vez, a revisión do orzamento a longo prazo da UE, a creación do Mecanismo para Ucraína e STEP. Ditos acordos provisionais ultimaranse tras unha votación do Parlamento Europeo na súa sesión plenaria, seguida dunha votación no Consello.

Máis información: Comisión Europea 

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data