Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » EuroXuventude » Eventos »A Fundación Galicia Europa acolle unha reunión de seguimento do proxecto europeo RuralYouthFuture
— Na reunión puxéronse en común as actividades desenvolvidas no proxecto RuralYouthFuture.
— A sesión presidida pola directora xeral de xuventude, Lara Meneses, estivo moderada por Pilar del Oro Sáez da Fundación Galicia Europa.
Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2024. A FGE participa xunto coa Dirección Xeral de Xuventude na reunión de seguimento e posta en común das actividades desenvolvidas no marco do proxecto RuralYouthFuture. Na sesión tamén participaron representantes da Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos, da Universidade De Vigo, da Cámara Compostela, da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, da Axencia Galega de Innovación, da Universidade. de Santiago de Compostela, da AECT Eurocidade Chaves-Verín, da Asociación de Jóvenes Empresarios de Ourense, da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e da Federación Xuventude Don Bosco.
A sesión presidida pola directora xeral de xuventude, Lara Meneses, estivo moderada por Pilar del Oro Sáez, coordinadora de Euroxuventude da Fundación Galicia Europa. Nela puxéronse en común as actividades desenvolvidas durante as visitas a Bulgaria e Estonia, países socios do proxecto RuralYouthFuture. Este proxecto ten como obxectivo mellorar a eficacia das políticas de emprego xuvenil para o desenvolvemento rural sostible.
Durante as visitas desenvolvéronse actividades que mostraron as propostas innovadoras que teñen estes países para mellorar a empregabilidade xuvenil no rural. Estas iniciativas visibilizáronse e presentáronse na reunión celebrada en Santiago de Compostela co obxectivo de que nun futuro poidan aplicarse en Galicia.
Bulgaria
No que respecta a Bulgaria, destacouse o proxecto CRAFT: co-working in rural areas. Trátase dun videoxogo a través do cal os mozos teñen que cumprir uns obxectivos coa meta de crear a súa propia vila virtual, dotándoas de ferramentas dun xeito máis didáctico para o desenvolvemento das súas habilidades.
Tamén se presentou o proxecto RuraLAB 3.0, unha plataforma dixital creada para proporcionar, a través de contidos formativos e xogos, ferramentas que contribúan á empregabilidade dos mozos e mozas do rural. Ademais, conta cunha guía coas dinámicas desenvolvidas no proxecto que poden ser utilizadas e postas en marcha polas administracións públicas.
Por último, destacouse o proxecto My Virtual Town, que se centra en capacitar ao persoal docente a través dun manual para profesores, eventos e unha plataforma web creada para incrementar as habilidades e competencias do profesorado para o traballo en equipo e a cooperación que permita o mellor desenvolvemento das competencias do alumnado.
Estonia
No tocante a Estonia, compartiuse o proxecto Tartu 2024 Extended, que conta con seis sesións formativas virtuais nas que se forma a mozos adolescentes para planificar, desenvolver e executar eventos culturais. Esta iniciativa presentarase nunha reunión en liña o 30 de agosto de 2024.
Durante o encontro destacouse a importancia das visitas aos países socios deste proxecto, que incentiva a proposta inmersiva de coñecer as realidades e iniciativas que se desenvolven para mellorar a empregabilidade dos mozos e mozas do rural.
Por último, menciónuse á reunión de setembro en Eslovenia, outro dos países socios do proxecto, onde se visitarán establecementos que realizan actividades económicas no rural, coa idea de coñecer como funcionan estas industrias nese país.
Puntos destacados da reunión
A continuación, móstrase un extracto das aportacións realizadas polas partes interesadas na sesión:
- Explicouse a idea de unificar os actuais programas de titoría que teñen os distintos departamentos, aplicando enfoques diferentes segundo as necesidades específicas dos mozos que participan. Sostiveron que se debe explicar e informar aos mozos sobre o funcionamento do sector agrario, principalmente nas cidades, para que coñezan como é a vida no rural e que se interesen por ser “emprendedores do rural”. Na actualidade unha porcentaxe moi baixa de mozos universitarios opta por realizar itinerarios con especialización agraria, que poden dar solución á falta de man de obra galega.
- Mencionouse a necesidade de impulsar o ciclo profesional, que imparte formación en áreas profesionais actualmente moi demandadas polas empresas. Tamén se destacou a necesidade de potenciar o profesorado como orientador das novas ruralidades en todos os niveis educativos contando cun programa de formación no rural.
- Recoñeceuse a necesidade de que a estratexia de retorno dos emigrantes tamén se centre no retorno ás zonas rurais, ao tempo que ofrece melloras nos servizos de transporte e o acceso á vivenda.
- Achegouse unha idea innovadora para poder realizar prácticas remuneradas no rural durante o verán, coa idea de que nelas poidan participar a mocidade e tamén se destacou a necesidade de xerar actividades que favorezan o traballo en equipo, ferramenta fundamental para o desenvolvemento profesional. .
- Por último, todas as partes interesadas destacaron a importancia do desenvolvemento tecnolóxico que os países socios do proxecto posúen e poñen á súa disposición para aumentar e mellorar as habilidades dos mozos. En relación a este tema, María Isabel Doval Ruiz, representante da Universidade de Vigo, valorou o avance dalgunhas das ferramentas que observou nas visitas aos países socios. Exemplo de como boas prácticas contempladas noutros países poden implementarse e complementarse tamén coas nosas.
Rural Youth Future
RuralYouthFuture é unha iniciativa europea dedicada a mellorar a eficacia das políticas de emprego xuvenil para o desenvolvemento rural sostible. Este ambicioso empeño une a entidades municipais, rexionais e nacionais ao redor dun obxectivo común: atender as necesidades singulares dos mozos nos territorios rurais. Mediante a redución das desigualdades cos seus coetáneos urbanos e a loita contra o envellecemento e o despoboamento, RuralYouthFuture pretende forxar un futuro mellor.
Enfócase en seis instrumentos políticos a escala municipal, rexional e nacional para facer fronte ao reto común de responder as necesidades da mocidade nos territorios rurais, os cales están a experimentar un crecente descenso da poboación. Contará coa participación de distintos socios de sete países europeos: España, Bulgaria, Eslovenia, Lituania, Portugal, Estonia e Bélxica. O proxecto conta cun financiamento de 1,6 millóns de euros, cofinanciado con fondos FEDER.
Máis información: RuralYouthFuture
Proxectos europeos nos que participa a Fundación Galicia Europa