REUNIÓN DA COMISIÓN PARLAMENTARIA DE LIBERDADES PÚBLICAS, XUSTICIA E ASUNTOS DE INTERIOR

Durante a primeira parte da reunión, compareceu na comisión a Vicepresidenta e ministra de Xustiza de Bélxica, Laurette Onkelinx, que fixo unha exposición das preocupacións do seu país en relación coas inhabilitacións que poderían derivarse dunha condena penal por delictos sexuais cometidos contra os nenos, e a coordinación intracomunitaria que é necesaria para que estas medidas sexan efectivas.


A Vicepresidenta belga expresou o apoio do Reino de Bélxica á adopción, polo Consello da UE, dunha Decisión Marco que facilite a cooperación entre os Estados membros de cara á transmisión de información sobre estas medidas accesorias nunha condena penal. A xuízo da Vicepresidenta as medidas accesorias que acompañan á pena teñen uns fins preventivos, que perden a súa efectividade no momento no que unha persoa condenada por un delicto deste tipo traslada a súa residencia a outro país membro, sen que as autoridades do novo país de residencia teñan coñecemento dos seus antecedentes ou das inhabilitacións ás que está sometido no país onde recaeu a condena.


Como caso paradigmático, a Sra. Onkelinx, recordou o chamado caso Fourniret. O sr. Fourniret fora procesado en Francia por varios delictos sexuais e ó trasladaren a súa residencia a Bélxica, cometeu delictos da mesma índole, chegando a traballar nunha escola, sen que as autoridades belgas coñeceran os seus antecedentes.


Posto que incluso a iniciativa de creación do espacio común de seguridade e xustiza é bastante novo, podemos decir que a idea de creación dun rexistro europeo de antecedentes penais é recente, e tomou consistencia como instrumento para a loita antiterrorista a partires dos atentados do 11 de setembro e 11 de marzo.


A vontade do Goberno belga, é que se poida chegar a un recoñecemento mutuo das inhabilitacións dictadas nos Estados membros que as recollen no seu ordenamento xurídico, de forma que cando un tribunal prescriba a imposibilidade de que unha persoa traballe con menores, esta prohibición se cumpra nos 25 Estados da Unión. En opinión da Vicepresidenta a loita contra a explotación sexual dos menores e a pedopornografía esixe, en primeiro lugar, o recoñecemento mutuo das prohibicións profesionais, e como segunda condición, a transmisión entre Estados membros das prohibicións que recaian sobre unha persoa.


A continuación compareceu o comisario de Xustiza, Liberdade e Seguridade, Franco Frattini, que expuxo o paquete de medidas que ven de aproba-la Comisión Europea en materia de inmigración, integración e asilo. Este conxunto de medidas ten a súa orixe no Libro Verde sobre a inmigración económica que fixo público a Comisión a principios de 2005, no que a Comisión expoñía o fenómeno da inmigración como unha oportunidade para Europa apuntando a necesidade de configurar unha estratexia comunitaria de inmigración e de harmonizar determinados aspectos do tratamento da mesma no nivel comunitario.


Entre as medidas presentadas polo Comisario inclúese o tratamento para favorece-la integración dos inmigrantes nos Estados receptores. A Comisión Europea estima que o máis necesario neste momento é afronta-la situación actual dos refuxiados, por exemplo, se ben neste ámbito o executivo comunitario debe respecta-lo principio de subsidiariedade.


No debate que xurdiu con posterioridade á intervención do Comisario os deputados destacaron que as medidas aprobadas pola Comisión Europea toman a forma de tres comunicacións e unha directiva (sobre o retorno dos inmigrantes ilegais), o que esmorece a aplicación real das disposicións adoptadas. O sr. Frattini respondeu ás críticas apuntando que unicamente as accións de expulsión de inmigrantes entran nas políticas contidas no primeiro piar comunitario, mentres que a entrada de inmigrantes queda fóra do ámbito obxectivo dese piar² .


Para finalizar, o Comisario destacou a vontade da Comisión Europea de acadar unha normativa europea común en materia de asilo antes de 2010, coa finalidade de evitar os abusos nas demandas deste estatuto.


  ² A partir do Tratado de Maastricht fálase de tres piares comunitarios, o piar central ou piar comunitario recolle as competencias supranacionais tal e como se regulan nos Tratados e coas súas institucións. Neste piar están recollidos o mercado único, a unión económica e monetaria, a Política Agrícola, os fondos Estructurais… Os piares laterais están baseados na cooperación entre os gobernos dos Estados membros. As políticas concernidas nestes piares son a Política Exterior e de Seguridade Común (PESC) e a de Xustiza e Asuntos de Interior (JAI). A diferencia entre os piares de cooperación intergubernamental e o piar comunitario reside fundamentalmente no procedemento de toma de decisións e as competencias que teñen as institucións comunitarias para desenvolvelas.