A OPIDI, Oficina de Programas Internacionais de I+D+i promovida pola Consellería de Innovación e Industria, en colaboración coa Fundación Galicia Europa, organizou a presentación en Bruxelas de AIMEN e as súas liñas de actuación prioritarias no eido da investigación e o desenvolvemento no sector da metalurxia. Este acto celebrouse na sede da Fundación Galicia Europa en Bruxelas, o 27 de febreiro.

AIMEN é a Asociación de Investigación Metalúrxica do Noroeste, que actualmente desenvolve actividades de investigación en torno a dúas grandes áreas: tecnoloxías de unión (soldeo por arco eléctrico, por resistencia eléctrica, soldadura láser, corte láser…) e materiais e procesos de fabricación (optimización de procesos de fabricación, optimización e mellora do ciclo de vida de compoñentes e ferramentas, estudo e desenvolvemento de novos materiais).

O obxectivo deste evento foi presentar as liñas de investigación e proxectos desenvolvidos por AIMEN e reforzar a toma de contacto con organizacións europeas, con administracións públicas, empresas, centros de investigación, etc, co obxectivo de identificar sinerxias que permitan crear unha rede potencial de socios para o desenvolvemento de proxectos europeos no contexto do 7º Programa Marco de I+D.

Neste Infoday, participaron máis de 20 expertos no sector, entre os que a iniciativa espertou un gran interese. Proba disto foi a presenza non só de participantes procedentes de diferentes organismos e empresas situados en Bruxelas senón tamén de participantes chegados directamente doutras cidades de Bélgica e incluso doutros estados membros (Austria, Italia, etc.).

Este foro permitiu aos representantes galegos intercambiar impresións con outros especialistas europeos na materia e entrar en contacto con outros socios que desexan participar en proxectos do 7° Programa Marco e noutros programas comunitarios.