RESULTADOS DO CUMIO DA ONU EN MATERIA DE DESENVOLVEMENTO

No cumio internacional que se celebrou os pasados 14, 15 e 16 de setembro en Nova York, os 191 países participantes debateron sobre o cumprimento dos Obxectivos do Milenio (ODM) e adoptaron finalmente unha declaración na que todos os países expresan un compromiso firme para enfocar as súas políticas de desenvolvemento cara os ODM. 


As negociacións previas ao cumio facían temer que se excluíse desta declaración a alusión aos ODM debido as obxeccións interpostas polos Estados Unidos. Pola contra, a Unión Europea fixera un chamamento antes do cumio a todos os países ricos para que establecesen plans concretos na loita contra a pobreza, tal como fixo o Consello Europeo de xuño ao aprobar un compromiso para aumentar a axuda na UE, mellorar a súa coordinación e dar prioridade ao continente africano.


O acordo final fica nun punto intermedio entre estas dúas posturas e, sen fixar un plan concreto para acadar os obxectivos para 2015, reitera o compromiso por cumprir os ODM mediante unha serie de medidas referidas a:


• A cooperación (partnership) acordada no Cumio de Monterrey de 2002 entre os países desenvolvidos e en desenvolvemento, lembrando que cada país debe facerse responsable do seu propio desenvolvemento, polo que se insta aos países pobres a que poñan en marcha a partir de 2006 estratexias nacionais para acadar os ODM. Ao mesmo tempo, alértase a estes países da conveniencia de procurar un equilibrio adecuado entre un espacio político propio e os compromisos adoptados a nivel internacional.
• O financiamento: dáse a benvida aos países que desexen ampliar a axuda ao desenvolvemento e anima aos que non o fixeran a seguir o exemplo da UE, fixando un obxectivo intermedio do 0,5 % en 2010. A declaración tamén aplaude as estimacións feitas pola OCDE segundo as cales a axuda oficial ao desenvolvemento aumentará en 50.000 millóns de dólares de aquí a 2010. Así mesmo, recoñécese a necesidade de mobilizar recursos financeiros adicionais, como a Facilidade Financeira Internacional e outras novas fontes de financiamento.
• A mobilización de recursos propios, onde se recalca a importancia da boa gobernanza, a loita contra a produción e a estimulación do sector privado.
• O investimento estranxeiro directo, destacando a necesidade de crear un contorno económico estable que favoreza estes investimentos.
• O recoñecemento da cancelación da débeda aos países menos avanzados acordado no G8, e agora polo Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial.
• O apoio ás iniciativas que teñan un rápido impacto na loita contra a malaria, a educación e a sanidade
• A participación dos países en desenvolvemento nos organismos internacionais. Dado que non se logrou un acordo para a transformación do Consello de Seguridade, decidiuse reforzar o Consello Económico e Social para que realice un seguimento dos resultados das conferencias e cumios da ONU, especialmente dos ODM. Neste marco, decidiuse que se organizaría un Foro de Cooperación ao Desenvolvemento de alto nivel cada dous anos para promover a coordinación entres as accións de desenvolvemento dos Estados membros.
• Outras serie de cuestións xerais referidas ao comercio, a educación, a investigación, etc. nas que non se produciron avances significativos



REACCIÓNS


India, Sudáfrica e Brasil, os países emerxentes que lideran as reivindicacións dos países en desenvolvemento mostraron a súa decepción por considera esta declaración “vaga e xeral”. A Presidencia da Unión Europea, no entanto, como observador nesta Asemblea, cree que o Cumio serviu para establecer as bases dunha colaboración máis estreita entre os países desenvolvidos e en desenvolvemento e expresou a súa confianza en que as negociacións de Doha no marco da OMC dean aos países pobres unha verdadeira oportunidade de crecemento e creación de emprego.


Pola súa banda, o comisario de Desenvolvemento da UE, Louis Michel, sen esconder a súa decepción polas expectativas que previamente tiña posto no cumio, cualificou o resultado como “un importante consenso mundial sobre unha serie de cuestións, o que é unha boa nova tralas semanas de tensas negociacións”. Da declaración final destacou: o compromiso para apoiar as políticas nacionais de desenvolvemento e para aumentar a Axuda Oficial ao Desenvolvemento, o equilibrio entre os compromisos feitos polos países desenvolvidos e os países en desenvolvemento, e a gran atención acordada á gobernanza. Pola contra, Louis Michel bota en falta unha mención á coherencia, pois “o resto de políticas teñen un papel fundamental que desempeñar no cumprimento dos ODM” e lamenta que a mención ao comercio no texto estea por debaixo das expectativas dende unha perspectiva de desenvolvemento.



AVANCES NO EIDO DOS DEREITOS HUMANOS E NO MANTEMENTO DA PAZ


Un dos verdadeiros avances do Cumio é a decisión de crear unha Consello dos Dereitos Humanos que teña máis competencias co Alto Comisionado actual, aínda que non se chegou a precisar nin o seu funcionamento nin a súa composición. Segundo a Presidencia británica da UE « Isto converte á protección dos dereitos humanos no terceiro piar da ONU, xunto co mantemento da paz e a promoción do desenvolvemento ».


Outro avance en materia de dereitos humanos é a responsabilidade que por primeira vez se recoñece á comunidade internacional para intervir e actuar ante xenocidios e crimes de guerra en terceiros países. Concretamente, recoñécese o uso da forza internacional no caso de esgotar a vía diplomática e de que un Estado se mostre incapaz de protexer á súa poboación.


No Cumio tamén se acordou o establecemento dunha Comisión de Mantemento da Paz, a cal axudará aos países saídos dun conflicto a realizar mellor a transición cara un desenvolvemento sostible. A UE expresou o seu interese en que esta Comisión se poña en marcha antes de final de ano.



DEBATE NA ASAMBLEA XERAL DA ONU


Nos días posteriores ao Cumio, tivo lugar a 60 Asemblea Xeral de Nacións Unidas, durante a cal se adoptaron dúas medidas en favor do desenvolvemento :


• O aumento de 500 millóns de dólares para o Fondo de Urxencia Inmediata para catástrofes co obxectivo de permitir que as axudas cheguen a tempo nas zonas en crise. Ata agora, o Fondo dependía das achegas que en cada momento os Estados quixeran doar e en ocasións, esta axuda tardou ata catro meses para facerse efectiva. Este aumento conleva a creación dun Fondo Central para Respostas de Emerxencia (CERF) que espera empezar a funcionar a principios do próximo ano.  A dotación do fondo renovarase cada ano, de xeito que haxa reservas para intervir nos días seguintes a aparición dunha catástrofe e tamén permitirá aliviar a situación das crises non cubertas.


• A iniciativa de 66 países, liderados por Francia, de gravar os billetes de avións con un dólar para recadar fondos para o desenvolvemento. A iniciativa contou co apoio dos países integrantes da Alianza contra a Fame, excepto España, que é partidario doutras medidas como os microcréditos ou a reducción do custo das remesas dos emigrantes. No mes de febreiro, Francia acollerá unha conferencia ministerial para concretar a aplicación do proxecto. Cabe recordar que non se logrou un acordo sobre esta medida no seo do Consello da Unión Europea.