RESOLUCIÓN DO PARLAMENTO EUROPEO SOBRE AS ENFERMIDADES ESQUECIDAS NOS PAÍSES EN DESENVOLVEMENTO
O Parlamento Europeo adoptou na súa última sesión plenaria de setembro por 76 votos a favor, 8 en contra e dúas abstencións, un informe sobre as enfermidades principais e as enfermidades esquecidas nos países en vías de desenvolvemento.
O informe, elaborado polo deputado británico John Bowis (PPE), solicita á Comisión Europea que converta as propostas recollidas no novo programa europeo de acción de loita contra o VIH/SIDA, a tuberculose e a malaria a través da actuación exterior (2007-2011) en medidas concretas mediante as decisións de programación pertinentes e unha dotación orzamentaria suficiente.
O Parlamento estima igualmente necesario que os Estados membros garantan os recursos financeiros adecuados para pór en marcha estas medidas; estimados en 11.500 millóns de euros en 2007.
A resolución invita tamén ós gobernos dos países en desenvolvemento a outorgar unha maior prioridade ós seus servizos sanitarios e anímaslles a que destinen o 20% do seu orzamento ó eido da saúde. Ademais, os seus plans e estratexias de saúde deberían ser reorientados cara aquelas accións cun maior impacto sobre a pobreza.
Anima á Unión Europea a que apoie este proceso de fortalecemento dos sistemas de saúde, especialmente mediante a axuda a creación e reforzo dos recursos humanos, institucionais e infraestructurais. No que se refire ós recursos humanos, pide á Comisión Europea que adopte iniciativas para remediar a perda de persoal sanitario nos países en desenvolvemento ademais de reforzar as súas capacidades de investigación.
Tamén lamenta que a falta de I+D sobre enfermidades que afectan case exclusivamente á poboación pobre dos países en desenvolvemento debido á ausencia de mercados viables, o que debería ser corrixido mediante esforzos internacionais. Así, pide que se estableza unha obriga ou incentivo para que a industria farmacéutica reinvista unha parte dos seus beneficios na I+D de enfermidades esquecidas.
A resolución considera que a política de cooperación debería incluír un aumento da capacidade de I+D dos países en desenvolvemento e a producción local mediante a transferencia de tecnoloxía.
Os deputados europeos subliñan a urxencia de acceder ós medicamentos e que a industria farmacéutica poña á disposición fármacos alcanzables nos países de renda baixa. Igualmente,manifesta a súa preocupación polas novas segundo as cales algúns gobernos africanos están a cobrar impostos pola venda ou a importación de antirretrovirais ou de outros productos farmacéuticos, co que os medicamentos son moi caros para as comunidades pobres.
Neste sentido, pide á Comisión Europea que avalíe o impacto real das medidas adoptadas no marco do Regulamento (CE) n° 953/2003, así como a posta a disposición de productos a prezos diferenciados por parte da industria farmacéutica para mellorar o acceso da poboación dos países en desenvolvemento ós medicamentos esenciais.
Por último, o Parlamento solicita que o enfoque adoptado pola Comisión Europea se estenda a outras enfermidades esquecidas como a enfermidade de Changas ou a tripanosomiase africana.