Actualidade

Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Mellora da lexislación » Medidas de apoio ao relevo xeracional na agricultura para garantir o futuro alimentario, agrario e rural de Europa

Medidas de apoio ao relevo xeracional na agricultura para garantir o futuro alimentario, agrario e rural de Europa

21/10/2025 | , ,

— A Comisión Europea presenta unha nova estratexia para duplicar o número de mozos agricultores na UE e garantir o relevo xeracional no campo europeo. 

— Impulsa medidas para apoiar aos mozos agricultores e o futuro rural da UE

Bruxelas, 21 de outubro de 2025. A Comisión Europea presentou hoxe unha «Estratexia de relevo xeracional na agricultura», que establece unha folla de ruta clara para apoiar aos mozos agricultores e conseguir que a agricultura sexa máis atractiva. A estratexia ten por obxecto duplicar a proporción de mozos agricultores na UE de aquí a 2040, co obxectivo de que os mozos e novos agricultores sumen un 24 % de todos os agricultores europeos.

Para tal fin, a Comisión recomendará aos Estados membros, especialmente a aqueles con peores cifras, que invistan polo menos o 6 % do seu gasto agrario en medidas que promovan o relevo xeracional, coa opción de destinar recursos adicionais. A estratexia tamén abrangue a elaboración de plans nacionais para o relevo xeracional na agricultura de aquí a 2028, nos que se abordarán os obstáculos existentes e se definirán medidas de axuda específicas, partindo das recomendacións da Comisión. Espérase que os Estados membros informen periodicamente dos seus progresos. No seu conxunto, estes esforzos garantirán un sector agrícola sostible, resiliente e atractivo para o futuro.

Os mozos agricultores son fundamentais para a seguridade alimentaria da UE e o dinamismo das zonas rurais. Para manter a resiliencia e o atractivo do sector agrario, os mozos deben dispoñer das condicións adecuadas para emprender a súa vida e carreira profesional nas zonas rurais, garantindo non só o dereito de permanencia, senón tamén o desexo de quedar. Porén, o sector sofre graves dificultades: o envellecemento da man de obra, o declive da poboación rural e os problemas económicos e medioambientais. Un acceso limitado á terra, créditos pouco accesibles, baixos ingresos e a falta de capacidades específicas disuaden a novos agricultores, mentres que a sucesión segue sendo difícil debido ás barreiras administrativas e financeiras. Afrontar estes problemas é tanto unha necesidade estratéxica como unha responsabilidade social común da UE.

Aplicar a estratexia: próximos pasos en prol do relevo xeracional

A estratexia ten por obxecto apoiar e preparar á próxima xeración de agricultores da UE. Recoñece que os mozos agricultores se enfrontan a problemas concretos que deben abordarse mediante actuacións específicas, a todos os niveis de gobernanza (UE, nacional e rexional) e en todas as políticas.

Para logralo, a estratexia define cinco ámbitos de actuación prioritarios: acceso á terra, financiamento, capacidades, un bo nivel de vida nas zonas rurais e apoio á sucesión. Cada aspecto abórdase a través de iniciativas emblemáticas específicas, por exemplo:

  • proposta dun «paquete de benvida» obrigatorio de medidas para os mozos agricultores na próxima PAC para facilitar o acceso á profesión mediante un paquete global de intervencións que abranga un importe a tanto alzado de ata 300 000 euros para o establecemento;

  • unha mellor orientación dos fondos en favor dos mozos agricultores;

  • unha colaboración co BEI para fomentar sistemas de garantía ou de bonificacións de xuros para facilitar o acceso ao financiamento;

  • a creación dun Observatorio Europeo da Terra para mellorar a transparencia das transaccións de terras, o que axudará aos agricultores a acceder ás terras dispoñibles, apoiar a sucesión nas explotacións agrícolas, fundamentar a formulación de políticas e previr a especulación sobre as terras, facilitando aos novos agricultores o inicio da súa actividade;

  • a integración no Semestre Europeo de aspectos pertinentes relativos ao relevo xeracional no que respecta á sucesión, así como a integración das reformas en materia de pensións, xubilación e transferencia de explotacións agrícolas nos marcos estratéxicos nacionais, a fin de facilitar a sucesión oportuna e a mobilidade no mercado da terra;

  • participación dos mozos agricultores no programa «Erasmus para Mozos Emprendedores» para que poidan aprender boas prácticas agrarias no estranxeiro ou diversificar os seus ingresos aprendendo doutros sectores;

  • fomento duns bos condicións de vida nas zonas rurais, apoiando ao mesmo tempo o desenvolvemento local e a participación dos mozos e das mulleres;

  • cofinanciamento de servizos de substitución nas explotacións agrarias que permitan aos agricultores gozar de baixas por enfermidade, permisos de maternidade ou paternidade ou vacacións, e mellorar así o equilibrio entre a vida profesional e a vida privada.

A estratexia está pensada para aplicarse a múltiples niveis interconectados: a través da PAC actual e futura, das políticas complementarias da UE, das accións dirixidas polos países da UE en ámbitos como o acceso á terra, a fiscalidade, a educación e as pensións, e das iniciativas das partes interesadas. Para superar estas barreiras requírese un forte compromiso nacional e rexional que garanta un efecto real.

Contexto

O sector agrario de Europa envellece máis rapidamente que outros sectores. Na actualidade, a idade media dun agricultor na UE é de 57 anos, e só o 12 % ten menos de 40 anos (polo que podería considerarse como mozo agricultor). Este desequilibrio ameaza a seguridade alimentaria a longo prazo, a autonomía estratéxica da UE na produción de alimentos e a sustentabilidade das paisaxes agrícolas europeas.

Nas zonas rurais tamén hai cada vez menos mozos: entre 2013 e 2019, o número de mozos de entre 15 e 24 anos nas zonas rurais da UE-28 diminuíu de 3,6 millóns a 1,9 millóns, mentres que o de mozos de entre 25 e 29 anos pasou de 6,9 millóns a 5,9 millóns.

Mentres que a maioría dos agricultores de máis idade son propietarios das súas terras, as xeracións máis novas a miúdo deben contentarse con ser arrendatarias, con arredor de 15 millóns de hectáreas arrendadas, fronte a 10 millóns en propiedade. O acceso á terra, a créditos accesibles e ás competencias esenciais seguen sendo obstáculos importantes para os mozos agricultores. En 2022, os mozos agricultores da UE-27 sufriron un déficit de financiamento de 14 100 millóns de euros, é dicir, o 22 % do déficit total do sector.

Máis información: Preguntas e respostas

© European Union, 2014

Buscador

  • Categoría

  • Subcategoría

  • Etiqueta

  • Data