Actualidade
Portada » Actualidade » Novas » Unión Europea » Desenvolvemento Rural »
Publicada a Estratexia Forestal Europea 2021-2030
- A silvicultura e a xestión forestal constitúen un sector clave no obxectivo das institucións comunitarias de reducir nun 55% as emisións de gases de efecto invernadoiro do continente europeo para o ano 2030.
Bruxelas, 30 de agosto do 2021. Máis do 43% das terras da UE están cubertas por superficies boscosas. Os bosques son aliados esenciais na loita contra o cambio climático e a perda de biodiversidade grazas á súa función como sumidoiros de carbono. Os bosques son ecosistemas valiosos que albergan unha parte importante da biodiversidade do continente e os seus servizos ecosistémicos contribúen á saúde de todos xa que estes regulan o ciclo da auga, achegan alimentos e materiais, estabilizan o chan, controlan a erosión e purifican o aire. Os bosques son lugares para o lecer e a aprendizaxe que, ademais, ofrecen medios de subsistencia. Resulta evidente que os bosques europeos están sometidos a unha presión cada vez maior, en boa medida polo aumento da actividade humana e moi especialmente pola demanda de biomasa, o cambio climático, a contaminación do aire e da auga, a expansión urbana, a fragmentación da paisaxe e a perda de hábitats e de biodiversidade. A superficie forestal europea ampliouse nas últimas décadas grazas á forestación, a xestión sostible e a restauración activa, pero en paralelo acelerouse a perda da cuberta arbórea e o estado de conservación dos bosques é deficiente.
Estas tendencias negativas, xustapostas aos ambiciosos obxectivos climáticos do Pacto Verde Europeo, poñen de relevo a necesidade de adoptar prácticas de xestión forestal, forestación e restauración máis respectuosas coa biodiversidade e que reforcen a resiliencia dos bosques. A UE entende que tamén é necesario garantir que a extracción da madeira se realice en sinerxía coa mellora do estado de conservación dos bosques. Por tanto, a bioeconomía baseada na madeira deberá ser compatible cos obxectivos climáticos e de biodiversidade da UE.
Por todo iso, a Comisión Europea presentou o pasado 16 de xullo unha nova Estratexia Forestal Europea para o período 2021-2030 no marco do paquete normativo fit for 55. Esta nova estratexia establece unha visión e unha serie de accións concretas para aumentar a cantidade e a calidade dos bosques na UE e reforzar a súa protección, a súa restauración e a súa resiliencia. As accións propostas aumentarán a captura de carbono grazas á mellora dos sumidoiros e as reservas, contribuíndo deste xeito á mitigación do cambio climático.
En primeiro lugar, a Estratexia empuxa aos Estados membros a protexer de forma estrita os bosques primarios e maduros, a restaurar os bosques degradados e a garantir a súa xestión sostible co fin de preservar os servizos ecosistémicos esenciais que ofrecen os bosques. A estratexia promove prácticas de xestión forestal máis respectuosas co clima e a biodiversidade, fai fincapé na necesidade de manter o uso da biomasa leñosa dentro dos límites da sustentabilidade e fomenta unha utilización eficiente da madeira como recurso en consonancia co principio de explotación en fervenza. Ademais, prevé o establecemento de obxectivos de restauración forestal xuridicamente vinculantes na futura Lei europea de recuperación da natureza, conforme ao anunciado na Estratexia UE de Biodiversidade 2030.
En segundo lugar, a nova Estratexia prevé o desenvolvemento de sistemas de pago aos propietarios e xestores forestais pola prestación de servizos ecosistémicos, por exemplo, por manter intactas algunhas partes dos seus bosques. Nela pídese aos Estados membros que establezan, no marco da Política Agrícola Común e noutros ámbitos pertinentes, réximes de pago para os servizos ecosistémicos destinados aos propietarios e xestores forestais co fin de cubrir os custos e as perdas de ingresos. A estratexia tamén require ás autoridades nacionais que aceleren a implantación das prácticas agrícolas baseadas no carbono, por exemplo, a través de ecoesquemas relativos a agrosilvicultura ou mediante as intervencións agroambientais do segundo piar da PAC. De feito, Galicia adiantouse e pediu xunto ás Comunidades Autónomas da cornixa cantábrica a inclusión dun eco-esquema vinculado á prevención de incendios forestais no Plan Estratéxico nacional da PAC para o período 2023-2027, aínda en fase de elaboración.
Cabe destacar que a Estratexia Forestal 2021-2030 contempla unha iniciativa específica de captura de dióxido de carbono en chans agrícolas, anunciada por outra banda na estratexia «Da granxa á mesa» e que a Comisión Europea ten previsto desvelar a finais de 2021. O obxectivo da iniciativa será seguir promovendo un novo modelo de negocio ecolóxico que recompense as prácticas respectuosas co clima e o medio ambiente dos xestores de terras, en particular dos xestores e propietarios forestais, en función dos beneficios climáticos que acheguen. Por outra banda, desenvolveranse recomendacións sobre prácticas de silvicultura próximas á natureza e fomentarase a súa adopción por medio dun sistema de certificación voluntaria.
Por outra banda, a nova Estratexia Forestal contén unha folla de roteiro para a plantación de tres mil millóns de árbores adicionais en toda Europa de aquí a 2030. A plantación e o cultivo de árbores deberase levar a cabo respectando plenamente os principios ecolóxicos favorables á biodiversidade e en previsión das futuras condicións climáticas. O labor da Comisión Europea consistirá en facilitar, motivar, contabilizar e supervisar os avances, polo que o éxito do compromiso dependerá en gran medida das iniciativas de base. Algúns mecanismos de financiamento europeos, como o Programa LIFE, os fondos da política de cohesión e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) ofrecerán apoio para cofinanciar os custos das plántulas e da man de obra, a preparación do terreo e o seguimento posterior. Horizonte Europa apoiará a iniciativa mellorando os coñecementos científicos sobre restauración, forestación e reforestación.
Segundo o documento, a promoción de prácticas de xestión forestal máis respectuosas coa biodiversidade e o clima levarase a cabo de forma paralela e en sinerxía co apoio a unha bioeconomía sólida e sostible para os bosques. As industrias madeireiras representan o 20% das empresas manufactureiras de toda a UE, o que supón 3,6 millóns de postos de traballo. A Estratexia Forestal 2021-2030 avoga polo uso óptimo da madeira en consonancia co principio do uso en fervenza e prioriza os produtos de madeira que poden substituír aos seus homólogos fósiles, prestando especial atención aos produtos de madeira de longa duración. Así pois, para a fabricación de produtos de vida curta e a produción de enerxía deberíase empregar madeira que non sexa apta para fabricar materiais e produtos de vida longa, e biomasa leñosa secundaria, como os subprodutos de serradoiros, os residuos e os materiais reciclados. Ademais da bioeconomía forestal baseada na madeira, a Estratexia Forestal subliña a importancia de fomentar unha bioeconomía non baseada na madeira, en particular a vinculada ao lecer e ao ecoturismo, co obxectivo de diversificar a economía das áreas rurais.
Por último, a Estratexia anticipa unha proposta lexislativa da UE para intensificar a vixilancia dos bosques, a transmisión de informes e a recompilación de datos forestais. A recompilación harmonizada de datos a escala europea, xunto cunha planificación estratéxica a nivel dos Estados membros, proporcionará unha visión global do estado, a evolución e as perspectivas de desenvolvemento futuro dos bosques de Europa.
